Saltar ao contido

La sonnambula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La sonnambula
A somnámbula
Cartel de La sonnambula de 1835 con María Malibrán.
FormaÓpera
Actos e escenas2 actos
Idioma orixinal do libretoItaliano
LibretistaFelice Romani
Fontes literariasE. Scribe e J. P. Aumer: La sonannbule ou L'arrivée d'un noveau seigneur (ballet)
Estrea6 de marzo de 1831
Teatro da estreaTeatro Carcano
Lugar da estreaMilán
Duración3 horas[1]
Música
CompositorVincenzo Bellini
Localización da partituraArquivo Ricordi, Milán
Personaxes

Amina (soprano lírica ou lixeira)
Lisa (soprano lírica ou lixeira)
Teresa (mezzosoprano)
Un notario (tenor)
Elvino (tenor lixeiro)
Rodolfo (baixo)
Alessio (baixo)[2]

La sonnambula (en galego A somnámbula) é unha ópera semiseria con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Felice Romani baseada nun guión para unha pantomima-ballet de Eugène Scribe e Jean-Pierre Aumer titulada La somnambule, ou L'arrivée d'un nouveau seigneur. Foi estreada no Teatro Carcano de Milán o 6 de marzo de 1831.

É unha das tres óperas máis coñecidas e representadas de Bellini, xunto con Norma e I puritani. É considerada un dos cumios do bel canto romántico italiano. Entre as óperas máis coñecidas do século XIX e modelo do xénero pastoral, esta ópera proporcionou un vehículo de lucimento para sopranos, entre as que salientan Giuditta Pasta (quen representou a Amina na estrea), ata Jenny Lind, Maria Callas e Joan Sutherland entre outras cantantes. Salientan as escenas de Care compagne (Queridos compañeiros), na que Amina expresou a súa felicidade, o seu primeiro encontro con Elvino e, sobre todo, a escena do somnambulismo Ah! non credea mirarti (Ah, non cría mirarte).[3]

Bellini compuxo La sonnambula en tan só dous meses, mentres se encontraba en Moltrasio, na villa do Conde Lucini Passalacqua, cerca da casa de Giuditta Turina, unha rapaza coa que mantiña unha relación. O libreto foi adaptado da obra La Somnambule ou L'arrivée d'un nouveau seigneur, un ballet-pantomime de Eugène Scribe e Pierre Aumer (1827), e da La Somnambule, comédie-vaudeville do mesmo Scribe e Germain Delavigne (1819).

Nun principio, o duque Litta de Milán encargara unha ópera a Bellini sobre Hernani de Victor Hugo (máis tarde musicalizada por Verdi). A oposición da censura austríaca levou a Bellini a abandonar o proxecto orixinal e a escoller, a suxestión de Romani, un tema máis inocente de carácter pastoral e idílico. Parte da música fora composta para Hernani, mais reciclada primeiro para La sonnambula, e posteriormente para Norma.

No transcurso da composición da ópera, Romani achegou numerosas mudanzas á obra. Eliminou a escena da anagnórise final, da cal existe unha redacción no libreto, cando o conde Rodolfo se revela como o pai de Amina (a somnámbula).

A ópera foi estreada no Teatro Carcano de Milán o 6 de marzo de 1831, nunha noite —adicada ao músico Francesco Pollini, amigo de Bellini— na que se combinou co ballet Il furore di Amore. A ópera foi estreada polos célebres Giuditta Pasta (mezzosoprano) e Giovanni Battista Rubini, requirindo dunha técnica de coloratura moi fluída e notables habilidades vocais. Co seu contorno e historia pastoral, La sonnambula tivo un éxito inmediato e segue a representarse con regularidade. O papel principal de Amina (a somnámbula) coa súa alta tesitura é famoso pola súa dificultade, que require un gran dominio dos trinos e florituras.[4] En vida de Bellini, outra mezzosoprano, María Malibrán, foi unha destacada expoñente do papel.

Nos meses e anos seguintes a ópera foi representada nos principais teatros de ópera italianos e estranxeiros. A ópera representouse por primeira vez en Londres o 28 de xullo de 1831 no King's Theatre con María Malibrán no papel protagonista nunha versión falsificada e parcialmente traducida ao inglés, e en Nova York o 13 de novembro de 1835 no Park Theatre.[5]

La sonnambula foi o vehículo para conseguir a fama de numerosas cantantes como a sueca Jenny Lind, Emma Albani e, no século XX para Lina Pagliughi, Toti Dal Monte, Maria Callas —na hoxe famosa produción do Teatro alla Scala de Luchino Visconti (1955)—, Renata Scotto, Joan Sutherland, Edita Gruberova e Natalie Dessay. A versión para mezzosoprano foi cantada en 1980 por Frederica von Stade e en 2008 por Cecilia Bartoli.

A meirande parte das gravacións do século XX realizáronse cunha soprano no papel de Amina, a maioría das veces con "notas altas engadidas e (outros) trocos sustanciais". A primeira mezzosoprano que gravou o papel de Amina foi a italiana Cecilia Bartoli.[6]

Esta ópera segue no repertorio na actualidade, aínda que non está entre as máis representadas, aparecendo nas estatísticas de Operabase no posto nº 92 das cen óperas máis representadas no período 2005-2010, sendo a 35ª ópera máis representada en Italia e a segunda de Bellini con 41 representacións[7].

Personaxes

[editar | editar a fonte]
Personaxe Tesitura Elenco na estrea, 6 de marzo de 1831
(Director: - )
Conde Rodolfo baixo Luciano Mariani
Amina, orfa soprano Giuditta Pasta
Elvino, granxeiro prometido de Amina tenor Giovanni Battista Rubini
Lisa, dona da pousada e antiga noiva de Elvino soprano Elisa Taccani
Teresa, dona do muíño mezzosoprano Felicita Baillou-Hilaret
Alessio, campesiño namorado de Lisa baixo Lorenzo Biondi
Notario tenor Antonio Crippa
Campesiños - Coro

Características musicais

[editar | editar a fonte]

O tema do suave e contrastado amor entre Amina e Elvino ofreceu a Bellini a inspiración para exaltar a súa vea lírica: a típica extensión do arco melódico conxúgase aquí, de xeito coherente co tema, cun ritmo lánguido e divagante, mentres que a orquestra se limita a acompañar a voz con admirable simplicidade. A ópera culmina nunha das máis sublimes arias para soprano: a célebre Ah, non credea mirarti, que a protagonista canta en estado de somnambulismo.

Argumento

[editar | editar a fonte]

A acción transcorre nunha vila de Suíza durante o século XVIII.

Escena I
Unha vila, un muíño no fondo.
Jenny Lind en La sonnambula.

A praza dunha aldea dos Alpes suízos, a un lado a pousada de Lisa, unha fermosa muller coqueta e intrigante, a cuxo amor aspira o mozo campesiño Alessio, persoa de bo corazón mais sen moitos medios de fortuna. Lisa, en realidade, quere recuperar o amor de Elvino, o seu antigo pretendente, campesiño moito máis rico que Alessio, mais prometido agora coa moza orfa Amina, á que a muiñeira Teresa acolleu na súa casa.

Ao alzarse o pano un nutrido grupo de campesiños mostra a súa ledicia pola proximidade do matrimonio entre Amina e Elvino, xa que se vai asinar o contrato nupcial e ao día seguinte será celebrada a voda relixiosa. Lisa, a propietaria da pousada, está consumida polos celos; non soporta que toda a vila louve a beleza e cualidades da súa rival Amina. Alessio, encargado de organizar a festa, é tratado con altivez por Lisa. Amina, turbada ante os eloxios de todos, agradece aos seus amigos os seus bos desexos e particularmente á súa madrasta, Teresa, a propietaria do muíño, quen a adoptou como unha orfa. Agradece a Alessio, quen preparou a canción nupcial e organizou as celebracións, desexándolle sorte no seu cortexo a Lisa, que segue rexeitando as súas proposicións.

Chega o notario. O noivo aínda non se presentou, o que resulta estraño para todos. Finalmente aparece Elvino e explica a súa tardanza por terse detido a rezar ante a tumba da súa nai, cuxa bendición dende o ceo implorou para a súa voda, e entrega á noiva o anel que lle pertencera: Amina será tan boa dona para el como súa nai o foi para seu pai. O notario procede e pregunta aos noivos cal é a súa achega ao matrimonio: tódalas súas terra, Elvino; só o seu corazón, Amina, o cal, na opinión do seu amado, o é todo.

Escóitase en escena ruído de cabalos. Unha carruaxe da que descende un misterioso cabaleiro detense na praza. Rodolfo, como se chama o personaxe, diríxese aos presentes e pregunta se falta moito para chegar ao castelo do conde, señor desas terras. Lisa, sempre calculadora, ofrece ao cabaleiro a súa pousada asegurando que non poderá chegar ata noite pechada. Rodolfo acepta a súa proposición e recoñece encantado o lugar onde, afirma, pasou fermosos días de xuventude, ao tempo que se informa das circunstancias da voda, louvando a beleza e xentileza da noiva, que lle lembra a unha rapaza á que el amou anos atrás, o que desperta os celos de Elvino, que debe calar ante un cabaleiro de tanta caste. Admite que estivo unha vez no castelo, cuxo señor morreu hai catro anos. Cando Teresa explica que o seu fillo desaparecera algúns anos antes, o estraño asegúralles que está vivo e que regresará.

Rodolfo non quere revelar a súa identidade: en realidade é o conde, chegado dende moi lonxe a facerse cargo do castelo dos seus defuntos pais. Teresa advirte entón aos presentes de que é hora de retirarse. Ás preguntas do conde, explícanlle que a esas horas adoita vagar polo lugar unha terrible presenza, unha pantasma. Rodolfo rise da superstición, augurando unha próxima do espectro. O conde retírase a descansar á pousada de Lisa e os campesiños retíranse tamén. Elvino está celoso da admiración do estraño por Amina; está mesmo celoso das brisas que a acariñan. Amina fai prometer a Elvino que esquecerá os seus celos inxustificados. As sombras invaden a praza, que pouco a pouco queda deserta.

Escena II
Unha habitación na pousada

O interior da alcoba de Rodolfo na pousada. Vese unha gran fiestra ao fondo. O alcalde ten informado a Lisa e ao resto dos veciños da verdadeira identidade do descoñecido. Lisa dille ao estraño que foi recoñecido como Rodolfo, o fillo do conde que desapareceu tempo atrás, e advírteo de que toda a vila está preparando unha benvida formal. Mentres tanto, ela é a primeira en renderlle pleitesía, desexando que iso lle reporte algún futuro beneficio. O conde acepta encantado a visita da dona da pousada, na que intúe algunha posibilidade amorosa. Ela séntese afagada cando el comeza a facerlle as beiras, mais escapa correndo, perdendo un pano, cando escoita ruído fóra.

Na fiestra aparece Amina, que camiñando durmida, imaxina como será a súa voda con Elvino. Rodolfo, percatándose de que os seus paseos nocturnos suscitaron a historia da pantasma na vila, está a piques de aproveitar o seu desvalido estado, mais queda conmovido ante a súa inocencia, a bondade de corazón da rapaza, e o seu fondo amor por Elvino, polo que abandona as ideas que encaixarían mal coa virtude da moza. O conde recolle o pano e déixao caer na cama: recoñece que a moza é somnámbula. Amina adormece no sofá e el sae.

Nese momento óense as voces dos campesiños, que a pesar da hora acoden a presentar os seus respectos ao conde. Lisa sae do seu acocho, contempla a Amina na habitación e comprende encantada que a súa rival vai perder a reputación. O conde, asustado polas circunstancias, decide marchar da pousada e sae pola fiestra pechándoa tras de si.

Os campesiños entran e comproban que o conde non se atopa alí, e tamén que hai outra persoa: unha muller. Pouco máis tarde comproban horrorizados que a muller é Amina.

Elvino, que acaba de entrar na habitación seguido de Teresa, crendo que ela lle foi infiel, rexéitaa anoxado. Ante os seus berros, Amina esperta sorprendida de atoparse alí, mais non lle serven de nada as súas protestas de inocencia: ninguén a cre, e menos aínda o celoso Elvino, que a rexeita violentamente. Amina, asustada e chorosa, busca consolo en Teresa, quen anoa o pano de Lisa no pescozo de Amina pensando que é seu. Amina está desesperada e todos —agás Teresa— a abandonan.

Escena I
Un bosque

Nun outeiro próximo ao castelo do conde Rodolfo un grupo de campesiños acode ao castelo para pedir ao conde que axude a demostrar a inocencia de Amina. Polo camiño encóntranse con Teresa e Amina, que tamén acoden a solicitar a axuda do conde. Entón pasa Elvino, coa cabeza baixa e ofendido, e Amina achégase a el e rógalle que acepte as súas explicacións de honradez, mais el quítalle o anel que lle entregara e nin sequera as verbas dos campesiños, que regresan coa garantía de inocencia do conde, conseguen que o mozo cambie a súa actitude, aínda que non pode apartar a súa imaxe do seu corazón. Amina, desesperada, desmaiase nos brazos de súa nai.

Escena II
A vila, como no Acto I
Amina saíndo do muíño.

Novamente na praza da aldea. Lisa, como de costume, discute con Alessio, cuxo amor segue rexeitando. Elvino dedidiu casar con Lisa. Aparece un grupo de campesiños que anuncian con ledicia a próxima voda entre Lisa e Elvino: este acode en persoa a formular a Lisa a súa proposta, que a rapaza acepta encantada sen importarlle que el case con ela por despeito.

A parella diríxese ao templo, mais aparece Rodolfo, quen asegura a Elvino que Amina é inocente. El pídelle que xustifique a presenza da rapaza na súa alcoba, e Rodolfo explica a todos que hai persoas, os somnámbulos, que camiñan e contestan a quen lles fala estando profundamente durmidos, mais ninguén cre as súas palabras, a pesar mesmo da súa condición de señor daquelas terras. Elvino tampouco o cre.

Ao escoitar os berros Teresa sae da súa casa e pide a todos que calen: Amina, finalmente, conseguiu quedar durmida esgotada. Todos obedecen. Teresa ve entón a comitiva e dáse conta do que está a suceder. Lisa, cínica, dille que casa con Elvino porque a ela non a sorprenderon de noite na habitación dun home. Teresa, indignada, mostra a todos o pano que Lisa perdeu na alcoba do conde, quen discretamente queda calado, mais segue afirmando a virtude de Amina. Lisa non sabe que explicación dar. Elvino pregúntase sobre a existencia da virtude entre as mulleres e do amor verdadeiro e pide unha demostración. Nese momento Amina sae pola fiestra do muíño e o conde amósallo a todos.

A rapaza comeza o seu paseo somnámbulo, correndo perigo de caer sobre a roda do muíño, mais sálvase; fala en soños. Rodolfo advirte que espertala sería fatal, de xeito que todos miran mentres ela revive o seu compromiso e a dor polo rexeitamento de Elvino e chega sa e salva ao outro lado. O conde, empurrando o rapaz, dille que faga o que Amina lle pide en soños e el devólvelle o anel. Os veciños póñense a berrar e Amina esperta encontrándose, marabillada, nos brazos de Elvino, quen solicita o seu perdón e todos aclaman a súa inocencia. O canto de Amina, camiño por fin do altar do brazo do seu amado, pon punto e final á ópera coa expresión da súa extasiada felicidade.

Orquestración

[editar | editar a fonte]

A partitura de La sonnambula require de:

Para soar internamente:

Estrutura

[editar | editar a fonte]
  • 1 Introdución (Coro, Lisa, Alessio)
    • Coro de introdución Viva Amina!
    • Cavatina de Lisa Tutto è gioia, tutto è festa
    • Stretta dell'Introduzione In Elvezia non v'ha rosa
  • 2 escena e cavatina de Amina Come per me sereno
  • 3 escena e duetto Prendi, l'anel ti dono (Elvino, Amina, Coro)
  • 4 escena e cavatina de Rodolfo Vi ravviso, o luoghi ameni
  • 5 escena e coro A fosco cielo, a notte bruna
  • 6 escena e duetto Son geloso del zefiro errante (Elvino, Amina)
  • 7 escena e finale primo
    • Escena Davvero, non mi dispiace d'essermi qui fermato (Rodolfo, Lisa)
    • Escena e duetto Oh, come lieto è il popolo (Rodolfo, Amina)
    • Coro Osservate. L'uscio è aperto
    • Quintetto D'un pensiero e d'un accento (Elvino, Amina, Teresa, Lisa, Alessio, Coro)
  • 8 Coro de Introdución Qui la selva è più folta ed ombrosa
  • 9 escena e aria de Elvino Tutto è sciolto (Amina, Teresa, Elvino, Coro)
  • 10 escena e aria de Lisa De' lieti auguri
  • 11 escena e quartetto Signor Conte, agli occhi miei (Elvino, Rodolfo, Lisa, Teresa, Coro)
  • 12 escena e aria final de Amina Ah, non credea mirarti

Arias célebres

[editar | editar a fonte]
Ah! non credea.
  • "Come per me sereno", cavatina de Amina (acto I)
  • "Prendi, l'anel ti dono", duetto de Elvino e Amina co coro (acto I)
  • "Vi ravviso, o luoghi ameni", cavatina de Rodolfo (acto I)
  • "Ah! non credea mirarti", aria de Amina (acto II)
  • Ah, non giunge (Amina)

Gravacións

[editar | editar a fonte]
Ano Elenco
(Amina, Elvino,
Rodolfo, Lisa,
Teresa)
Director,
Teatro de ópera e orquestra
Selo[8]
1952 Lina Pagliughi,
Ferruccio Tagliavini,
Cesare Siepi,
Wanda Ruggeri,
Anna Maria Anelli
Franco Capuana,
Orquestra e coro da RAI de Turín
CD de son: Preiser Records
Cat: 20038
1955 Maria Callas,
Cesare Valletti,
Giuseppe Modesti,
Eugenia Ratti,
Gabriella Carturan
Leonard Bernstein,
Orquestra e coro do Teatro alla Scala
(Gravación dunha representación en La Scala, 5 de marzo de 1955)
DVD: EMI
Cat: CMS 5 67906-2
1957 Maria Callas,
Nicola Monti,
Nicola Zaccaria,
Eugenia Ratti,
Fiorenza Cossotto
Antonino Votto,
Orquestra e coro do Teatro alla Scala
CD de son: EMI Classics
Cat: B000002RXR
1962 Joan Sutherland,
Nicola Monti,
Fernando Corena,
Sylvia Stahlman,
Margreta Elkins
Richard Bonynge,
Orquestra e coro de Maggio Musicale Fiorentino
CD de son: Decca
Cat: 448 966-2; 455 823-2 (Francia)
1980 Joan Sutherland,
Luciano Pavarotti,
Nicolai Ghiaurov,
Isobel Buchanan,
Della Jones
Richard Bonynge,
Orquestra Filharmónica Nacional
Coro da Ópera de Londres
CD de son: Decca
Cat: 417 424-2
1986 Jana Valášková,
Josef Kundlák,
Peter Mikuláš,
Eva Antolicová,
Ján Gallo
Ondrej Lenárd,
Orquestra Sinfónica da Radio Eslovaca
Coro Filharmónico Eslovaco
CD de son: Opus
Cat: 9356 1928/29
1992 Luba Orgonasova,
Raúl Giménez,
Francesco Ellero d'Artegna,
Dilbèr,
Alexandra Papadjiakou
Alberto Zedda,
Orquestra de Cámara da Radio dos Países Baixos
(Gravación dunha interpretación de concerto no Concertgebouw, Ámsterdam)
CD de son: Naxos
Cat: 8.660042/43
2006 Natalie Dessay,
Francesco Meli,
Carlo Colombara,
Sara Mingardo,
Jael Azzaretti
Evelino Pido,
Orquestra e coro da Ópera de Lión
CD de son: Virgin Classics
Cat: 3 95138 2
2008 Cecilia Bartoli,
Juan Diego Flórez,
Ildebrando D'Arcangelo,
Gemma Bertagnolli,
Liliana Nikiteanu
Alessandro De Marchi,
Orquestra La Scintilla
CD de son: Decca
Cat: 478 1084
Ano Elenco
(Amina, Elvino,
Rodolfo, Lisa,
Teresa)
Director,
Teatro de ópera e orquestra
Selo[8]
1956 Anna Moffo,
Danilo Vega,
Plinio Clabassi,
Gianna Galli,
Anna Maria Anelli
Bruno Bartoletti,
Orquestra e coro da RAI de Milán
(Gravación en vídeo dunha película de televisión en branco e negro)
DVD: Video Artists International
Cat: 4239
2004 Eva Mei,
José Bros,
Giacomo Prestia,
Gemma Bertagnolli,
Nicoletta Curiel
Daniel Oren,
RAI Maggio Musicale Fiorentino
(Gravación en vídeo feita en representacións en xaneiro de 2004)
DVD: TDK DVWW
Cat: 4239

Adaptacións cinematográficas

[editar | editar a fonte]

A tumba de Bellini

[editar | editar a fonte]
Inscrición na tumba de Bellini.

A frase "Ah! non credea mirarti / Sì presto estinto, o fior", da aria "Ah! non credea mirarti" de La sonnambula está inscrita na tumba de Bellini na catedral de Catania, Sicilia.

  1. Riding, Alan; Dunton-Downer, Leslie (2008). Guías visuales Espasa: Ópera (en español) (1.ª ed.). Espasa Calpe, S.A. p. 145. ISBN 978-84-670-2605-4. 
  2. José María Martín Triana: El libro de la ópera, segunda reimpresión en "El libro de bolsillo", 1992, Alianza Editorial, ISBN 84-206-0284-1.
  3. Anderson, Keith La ópera de la A a la Z en Naxos, HNH International Ltd. 2002 ISBN 1-84379-034-3
  4. Eaton, p. 135
  5. Holden, p. 50
  6. Liner notes, La Sonnambula (Cecilia Bartoli, Juan Diego Florez, Alessandro De Marchi), L'oiseau Lyre, 4781087. (2008)
  7. "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 20 de setembro de 2012. 
  8. 8,0 8,1 Gravacións de La sonnambula en operadis-opera-discography.org.uk

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Holden, Amanda (Ed.), The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4
  • Eaton, Quaintance, Opera Production 1: a Handbook, Da Capo Press, 1974 ISBN 0306706350 ISBN 0-306-70635-0
  • Anderson, James, The Complete Dictionary of Opera & Operetta, Wings Books, 1993 ISBN 0-517-09156-9
  • Osborne, Charles, The Bel Canto Operas of Rossini, Donizetti, and Bellini, Portland, Oregón: Amadeus Press, 1994 ISBN 0-931340-71-3

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]