Saltar ao contido

Muse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Muse
Muse en directo
OrixeTeignmouth, Devon, Inglaterra
Período1997 - presente
Xénero(s)rock alternativo, new prog, space rock
Selo(s) discográfico(s)Michael V. Records, Eastwest Records, Atlantic Records, Helium 3
MembrosMatthew Bellamy
Christopher Wolstenholme
Dominic Howard
Na rede
www.muse.mu
IMDB: nm0615614 Facebook: muse Twitter: muse Instagram: muse Tumblr: musedotmuofficial VK: muse MySpace: muse Youtube: UCGGhM6XCSJFQ6DTRffnKRIw Vimeo: museuk TikTok: muse Souncloud: muse Spotify: 12Chz98pHFMPJEknJQMWvI iTunes: 1093360 Last fm: muse Musicbrainz: 9c9f1380-2516-4fc9-a3e6-f9f61941d090 Songkick: 219230 Discogs: 1003 Allmusic: mn0000514563 Deezer: 705 Genius: Muse Editar o valor en Wikidata

Muse é unha banda británica de rock alternativo inglesa formada en Teignmouth, Devon, en 1994 por Matthew Bellamy (voz, guitarra, piano), Christopher Wolstenholme (baixo) e Dominic Howard (batería). Muse é coñecida polas súas enerxéticas e extravagantes actuacións, e pola súa fusión de varios xéneros musicais, como rock progresivo, rock alternativo, space rock, pop, heavy metal, música clásica e música electrónica.

Muse leva editados sete álbums de estudio: Showbiz (1999), Origin of Symmetry (2001), Absolution (2003), Black Holes and Revelations (2006), The Resistance (2009), The 2nd Law (2012) e Drones (2015). A banda ademais publicou tres álbums ao vivo, Hullabaloo Soundtrack (2002), que é tamén un recompilatorio de caras-b, Absolution Tour (2005), HAARP (2008) e Live at Rome Olympic Stadium (2013).

Biografía

[editar | editar a fonte]

Formación e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Os membros de Muse estiveron en bandas separadas no Teignmouth Community College a principios dos anos 90. A formación de Muse comezou despois de que o mozo de 14 anos Matthew Bellamy pasase satisfactoriamente unha audición como guitarrista da banda de Dominic Howard. Eles atopáronse nun dilema cando o seu baixista decidiu deixar a banda, e entón pedíronlle ao seu amigo Chris Wolstenholme que aprendese a tocar o baixo. A banda cambiou de nome varias veces, pasando por Gothic Plague, Carnage Mayhem, Fixed Penalty e Rocket Baby Dolls, antes de adoptar o nome de Muse.

En 1994, baixo o nome de Rocket Baby Dolls e cunha estética glam-gótica, o grupo gañou unha batalla de bandas local, esnaquizando o seu equipo na actuación. Pouco despois desta vitoria a banda decidiu renunciar á universidade e converterse en músicos profesionais. Cambiaron o nome a Muse e comezaron a facer concertos en locais como o famoso The Cavern en Exeter.

Matt Bellamy nun concerto

Primeiros EPs e Showbiz

[editar | editar a fonte]

Despois duns poucos anos construíndo unha base de fans en Londres, eles fixeron as súas primeiras grandes actuacións en Londres e Manchester. A banda tivo un significante encontro con Dennis Smith, o dono de Sawmills, un estudo de gravación construído nun muíño de auga en Cornualla.

Este encontro deulles a posibilidade de realizar as súas primeiras gravacións e de editar un EP autotitulado a través do selo Sawmill's in-house Dangerous. O seu segundo EP, Muscle Museum EP, chamou a atención do influente xornalista musical británico Steve Lamacq e da publicación semanal NME. Dennis Smith cofundou entón a produtora musical Taste Media especialmente para Muse (a banda estivo con Taste Media nos seus tres primeiros álbums). Isto permitiulle á banda preservar a peculiaridade do seu son durante as primeiras etapas da súa carreira.

A pesar do considerable éxito do segundo EP, as discográficas británicas eran remisas a apoiar á banda, e moitos sectores da industria musical afirmaban que, ao igual que moitos dos seus contemporáneos, o seu son era demasiado semellante ao de Radiohead. Porén, selos estadounidenses estaban dispostos a contratalos, levando a Muse aos Estados Unidos para realizar concertos. Despois dunha viaxe ao festival CMJ de Nova York, Muse asinou un contrato coa Maverick Records o 24 de decembro de 1998. Á súa volta, Taste Media preparou contratos para Muse con varios selos de Europa e Australia, permitíndolles manter o control sobre a súa carreira en determinados países.

John Leckie, que producira o álbum The Bends para Radiohead, e traballara con The Stone Roses e The Verve, foi contratado para producir o primeiro álbum da banda, Showbiz.

A edición do álbum foi seguida por unha xira con algúns concertos actuando xunto a Red Hot Chili Peppers e Foo Fighters nos Estados Unidos. Nos anos 1999 e 2000 Muse estivo tocando en grandes festivais europeos e facendo concertos en Australia, facéndose cunha considerable base de fans no oeste de Europa, particularmente en Francia.

Origin of Symmetry e Hullabaloo

[editar | editar a fonte]

Durante a realización do seu segundo álbum, Origin of Symmetry, a banda experimentou con instrumentación pouco común, coma un órgano de igrexa, un melotrónou ou un kit de batería máis grande. Apreciase tamén no álbum unhas liñas vocais máis agudas de Bellamy, máis partes de piano e guitarras arpexadas. O álbum recibiu boas críticas en xeral.

A banda ameazou no ano 2002 a Celine Dion con emprender accións legais contra ela se usaba o nome "Muse" para un espectáculo en Las Vegas. Celine Dion ofreceulles 50.000 dólares polos dereitos do nome (que posuía a banda), pero Muse rexeitou a oferta. Bellamy alegou que: "non queremos chegar alí pensando que Celine Dion respalda ao grupo". Dion finalmente tivo que botarse atrás.

Origin of Symmetry foi moi ben recibido pola crítica. Maverick dubidaba do estilo vocal de Bellamy neste álbum (considerando que non era axeitado para a radio), e pediulle á banda cambiar algúns temas antes da edición nos Estados Unidos. A banda rexeitouno e deixou Maverick, resultando na decisión de Maverick de non editar Origin of Symmetry nese país. O álbum foi finalmente lanzado nos Estados Unidos o 20 de setembro do 2005, despois de que Muse asinase coa Warner.

Muse editou un DVD en directo, Hullabaloo, con imaxes en vivo gravadas durante os dous concertos de Muse en Le Zenith en París no ano 2001, e cun documental da banda en xira. Un álbum dobre, Hullabaloo Soundtrack, editouse ao mesmo tempo, contendo un recompilatorio de caras-B e un disco cos temas das actuacións en Le Zenith. Un dobre sinxelo foi tamén editado cos novos temas "In Your World" e "Dead Star".

Absolution

[editar | editar a fonte]

Absolution (producido por Rich Costey) editouse no ano 2003 e estreouse no número un en Reino Unido. O álbum deu o seu primeiro top ten con "Time Is Running Out" e posteriormente conseguiría outros tres top 20: "Hysteria", "Sing For Absolution" e "Butterflies and Hurricanes". Muse comezaría a súa primeira grande xira por estadios. Esta durou un ano, levando á banda a Australia, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá e Francia. Mentres tanto, a banda lanzou cinco sinxelos ("Time Is Running Out", "Hysteria", "Sing for Absolution", "Stockholm Syndrome" e "Butterflies and Hurricanes").

A banda tocou no Festival de Glastonbury en xuño do 2004. Bellamy finalizou o concerto describíndoo como "o mellor das súas vidas", pero pouco despois do mesmo o pai do batería Dominic Howard, quen asistía ao festival, morreu dun ataque cardíaco. A pesar diso, Howard demostrou a súa profesionalidade ao seguir o calendario estipulado para a xira. A banda gañou dous premios MTV Europe, incluído o mellor artista alternativo, o premio Q ao mellor artista en directo e o BRIT tamén a mellor artista ao vivo. Porén, Muse perdeu a mans de The Libertines o premio da NME á mellor banda británica, nos anos 2004 e 2005. No mes de xullo do 2005 a banda participou no concerto Live 8 en París.

No mes de abril do 2005 apareceu unha biografía en DVD non oficial e non autorizada que non contiña música da banda chamada Manic Depression; Muse non estivo involucrada non proxecto e non aprobou a súa edición. Outro DVD, desta vez oficial, foi publicado o 12 de decembro dese ano, titulado Absolution Tour. O DVD contén material re-editado e re-masterizado do Glastonbury Festival 2004 e imaxes non vistas antes das actuación no London Earls Court, no Wembley Arena e no Wiltern Theatre en Los Angeles. Dous temas, "Endlessly" e "Thoughts Of A Dying Atheist", son temas ocultos do DVD tomadas do concerto no Wembley Arena. A única canción do Absolution que non aparece é "Falling Away With You", a cal nunca foi interpretada ao vivo ata a data.

Black Holes and Revelations e HAARP

[editar | editar a fonte]
Ao vivo en Toronto

No ano 2006 Muse lanzou o seu cuarto álbum, Black Holes and Revelations, co-producido pola banda e Rich Costey. O título do disco é o resultado da fascinación do grupo pola ciencia-ficción e a indignación política. O álbum chegou ao número 1 das listas do Reino Unido, gran parte de Europa e Australia. Tamén foi un éxito nos Estados Unidos, chegando ao posto 9 da lista Billboard 200. Antes da edición do novo álbum, a banda comezou a facer actuacións, despois de parar durante a gravación, facendo varias aparicións promocionais na televisión. A xira Black Holes and Revelations Tour comezou xusto antes da publicación do álbum e inicialmente consistiu principalmente en actuacións en festivais, destacando a aparición como cabeza de cartel no de Reading e Leeds no mes de agosto do 2006. A xira comezou en Norteamérica, onde a banda tocou dende finais de xullo ata principios de agosto, e despois dos últimos festivais de verán tocoulle a vez a Europa. Black Holes and Revelations foi nomeado ao Mercury Music Prize do 2006, pero perdeu ante Arctic Monkeys. O álbum conseguiu, porén, o Platinum Europe Award despois de vender un millón de copias no continente europeo. No mes de agosto a banda tamén gravou unha sesión ao vivo nos famosos Abbey Road Studios para o Live from Abbey Road.

O primeiro sinxelo do álbum, "Supermassive Black Hole", apareceu como descarga en maio do 2006. O segundo, "Starlight", lanzouse no mes de setembro, e "Knights of Cydonia" foi editado nos Estados Unidos só para a radio no mes de xuño e no Reino Unido en novembro. "Knights of Cydonia" foi votada como canción número 1 na meirande enquisa de música do mundo, Triple J Hottest 100 da radio australiana Triple J, no ano 2007. O cuarto sinxelo do álbum, "Invincible", lanzouse en abril do 2007. Outro sinxelo, "Map of the Problematique", so estivo dispoñible como descarga dixital en xuño dese ano, despois da actuación da banda no Wembley Stadium.

A banda pasou o mes de novembro e gran parte de decembro do 2006 tocando por Europa coa banda británica Noisettes como abreconcertos. A xira continuou por Australia, Nova Zelandia e o sueste asiático a principios do 2007, ata o seu regreso a Inglaterra no verán. Alí realizaron os seus probablemente maiores dous concertos, no recentemente reconstruído Wembley Stadium os día 16 e 17 de xuño do 2007. Estas actuacións foron gravadas para un DVD/CD titulado HAARP, que foi editado o 17 de marzo do 2008 no Reino Unido e o 1 de abril nos Estados Unidos. A xira continuou por Europa no mes de xullo, antes de regresar aos Estados Unidos en agosto, onde fixeron un concerto cunha capacidade completa no Madison Square Garden de Nova York. A banda gañou un posto como cabeza de cartel no Austin City Limits Music Festival o 15 de setembro despois de que The White Stripes cancelase a súa actuación. Pouco despois tocaron no October 2007 Vegoose en Las Vegas, ao lado de grupos como Rage Against the Machine, Daft Punk e Queens of the Stone Age. Muse continuou tocando polo leste de Europa, Rusia e Escandinavia antes de marchar a Australia e Nova Zelandia. A banda realizou o seu último concerto da xira de Black Holes and Revelations como cabeza de cartel do KROQ Almost Acoustic Christmas.

No ano 2008 a banda realizou un feixe de aparicións individuais. No mes de marzo realizaron concertos en Dubai, Johannesburg e Cidade do Cabo. O 12 de abril tocaron no Royal Albert Hall para axudar á fundación Teenage Cancer Trust. Muse tamén estivo no Rock in Rio de Lisboa o 6 de xuño, xunto con bandas como Kaiser Chiefs, The Offspring e Linkin Park. O 13 de agosto tocou no Marlay Park de Dublín e o día seguinte tiñan previsto un concerto en Belfast que finalmente foi cancelado. No seu concerto en Irlanda a banda estivo acompañada por Kasabian e Glasvegas. Poucos días despois foi cabeza de cartel no V Festival 2008.

O 25 de setembro do 2008, Bellamy, Howard e Wolste foron nomeados doutores honoris causa en artes pola universidade de Plymouth pola súa contribución á música.

The Resistance

[editar | editar a fonte]

O quinto álbum da banda, The Resistance, foi editado en setembro do 2009, sendo o seu primeiro traballo producido polo grupo. Despois do seu lanzamento o álbum encabezou as listas de 19 países, converténdose no terceiro álbum da banda en ser número 1 no Reino Unido, e acadando o número 3 na Billboard 200 estadounidense. As críticas foron maioritariamente positivas, con gran parte dos eloxios dirixidos á súa ambición, ás influencias da música clásica e ao tema de tres partes "Exogenesis: Symphony", de 13 minutos de duración. Tamén bateu ao seu predecesor en vendas na súa semana de estrea no Reino Unido, cunhas 148.000 copias vendidas. O seu primeiro sinxelo, "Uprising", foi editado sete días antes que o disco.

Escenario da xira de The Resistance

The Resistance Tour comezou en Teignmouth, Devon en setembro e incluía unha actuación como cabeza de cartel no festival de Coachella en abril do 2010. Tamén incluía dous concertos no Wembley Stadium en setembro e actuacións como abreconcertos da xira de U2 360° Tour.

En xaneiro do 2010 Muse encabezou o festival Big Day Out nos seus distintos lugares de celebración en Australia e Nova Zelandia, comezando en Auckland e rematando en Perth. En Coachella tocou o 17 de abril e tamén foi cabeza de cartel no Glastonbury Festival 2010 xunto con Gorillaz e Stevie Wonder, e no festival Oxegen con Arcade Fire e Eminem. Ese ano tamén tocaría no Hovefestivalen, no T in the Park 2010 e no Austin City Limits Music Festival. O día 20 de abril o grupo anunciou 14 datas para unha xira norteamericana, que sería entre setembro e novembro, ás que posteriormente se lle unirían 4 datas máis. O 7 de maio anunciouse que Muse ía contribuír cun tema na banda sonora da película Eclipse, a terceira parte da saga The Twilight Saga. O tema, "Neutron Star Collision (Love Is Forever)", seria o principal sinxelo do álbum da banda sonora e foi editado o 17 de maio.

Muse tocou no festival de Glastonbury en xuño e The Edge de U2 uniuse a eles para tocar "Where The Streets Have No Name", despois de que a súa banda caise do cartel por unha ferida nas costas de Bono, o seu vocalista.

Durante a xira a banda tocaría no Monte do Gozo de Santiago de Compostela o día 27 de agosto, no festival Xacobeo 10, xunto con Pet Shop Boys, Jónsi e The Right Ons.

O 12 de xullo o baixista Chris Wolstenholme dixo á revista NME que a banda tomaríase un descanso despois da finalización da xira de promoción de The Resistance. Tamén engadiu que comezarían a gravar material para o novo disco no ano 2011. Noutra entrevista da revista a Matthew Bellamy o 8 de setembro afirmou que a música para o seguinte disco sería máis persoal e máis axeitada para tocar en recintos pequenos.

O 12 de setembro Muse gañou o MTV Video Music Award na categoría de mellores efectos especiais, pola promo de "Uprising". Na 53 cerimonia dos premios Grammy celebrada o 13 de febreiro do 2011, Muse gañou o galardón ao mellor álbum de rock por The Resistance.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Showbiz 1999 Mushroom Records
Origin of Symmetry 2001 Mushroom Records, Taste Media
Absolution 2003 East West Records, Taste Media
Black Holes and Revelations 2006 Warner Bros., Helium-3
The Resistance 2009 Warner Bros., Helium-3
The 2nd Law 2012 Warner Bros., Helium-3
Drones 2015 Warner Bros., Helium-3
Simulation Theory 2018 Warner Bros., Helium-3
Will of the People 2022 Warner Bros., Helium-3
  • Hullabaloo (2002, Mushroom Records)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]