Premios Goya
Premios Goya | |
---|---|
Tipo | grupo de premios |
Data de fundación | 1987 |
Nomeado en referencia a | Francisco José de Goya y Lucientes |
País | España |
Na rede | |
https://www.premiosgoya.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Premios Goya ou Premios Anuais da Academia son os galardóns outorgados anualmente pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España para recoñecer os mellores profesionais e producións do sector do cine español.
O premio que se entrega ós vencedores consiste nun busto do célebre pintor Francisco de Goya realizado en bronce polo escultor José Luis Fernández. Nos seus comezos, a figura que se entregaba era obra do tamén escultor Miguel Ortiz Berrocal. Era unha peza desmontable na que do busto de Goya se podía extraer unha cámara.
A cerimonia de entrega, que segue o formato dos Óscars americanos, adoita ter lugar a principios de ano, normalmente a finais de xaneiro ou comezos de febreiro, aínda que as candidaturas se dan a coñecer en decembro.
Historia
[editar | editar a fonte]Tralo nacemento da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España o 8 de xaneiro de 1986, decídese crear os Premios Goya co fin de premiar os mellores traballos realizados en distintas categorías durante cada ano, imitando o que xa se viña facendo antes noutros países (Premios César franceses, Óscars americanos etc.). A primeira edición celebrouse no ano 1987, o día 16 de marzo, no Teatro Lope de Vega de Madrid, entregándose 15 estatuas (un número que foi medrando ata as 28 actuais). Desde entón foi medrando a súa popularidade, convertéronse nun referente para os amantes do cine. Tradicionalmente a gala de entrega celébrase de Madrid, agás nos anos 2000 (en Barcelona), 2018 (en Sevilla), 2019 e 2020 (ambas as veces en Málaga).
Unha edición que cabe salientar é a do ano 2003, na que os profesionais do cine español aproveitaron a súa festa para expresar o seu rexeitamento á guerra de Iraq e ó apoio que o goberno español, daquela presidido por José María Aznar, estaba a brindarlle.
Na seguinte edición o foco de atención foi a polémica creada polo traballo de Julio Medem, La pelota vasca. Moitos dos seus compañeiros decidiron apoialo na cerimonia dos Goya tralas críticas que recibira.
En 2005, José Luis Rodríguez Zapatero convertíase no primeiro presidente de Goberno que acudía a esta entrega de premios. Esta foi ademais unha edición importante para o cine galego, xa que a gran triunfadora foi Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, rodada en parte en Galicia e que obtivo galardóns para os actores galegos Mabel Rivera, Celso Bugallo e Tamar Novas.
Desde a XXVI edición (2011) para ser candidato en calquera categoría interpretativa (incluída a de actor ou actriz revelación) a única condición é ser maior de 16 anos, sen importar a nacionalidade ou o idioma no que fale o intérprete e o seu personaxe. Antes desa edición unha ducia de menores de 16 anos foron candidatos aos premios interpretativos, obténdoo sete deles: Andoni Erburu (con 10 anos), Ivana Baquero (12 anos), Nerea Camacho (12 anos), Juan José Ballesta (13 anos), Francesc Colomer (14 anos), Marina Comas (15 anos) e María Valverde Rodríguez (16 anos).
A edición do ano 2012 veu marcada polas reivindicacións cara ao goberno de Mariano Rajoy. A actriz Candela Peña foi unha das actrices que fixo estas reivindicacións xunto con Maribel Verdú, sinalou que "Hai tres anos que non traballaba. Nestes tres anos vin morrer o meu pai nun hospital público onde non había mantas para tapalo e lle tiñamos que levar auga" referíndose aos recortes en sanidade.
A XXVIII edición estivo marcada por unha ausencia que ata o momento non se producira na historia destes premios: a do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, quen xustificou a súa ausencia por motivos de axenda. Esta ausencia foi un dos temas máis comentados durante a gala, mesmo o presentador desta edición, Manel Fuentes, fixo alusión á ausencia institucional, sinalando que o máis importante era conseguir que a cerimonia fluíse, con independencia das ausencias ou presenzas. O certo é que ao sector cultural non lle pareceu unha decisión acertada esta ausencia porque aseguran que nos momentos nos que se está a atravesar, o máis importante é a unidade.
Palmarés
[editar | editar a fonte]Os Premios entréganse actualmente en 28 categorías, sen contar o Premio Goya de honra, cun máximo de catro candidatos para cada unha delas dende a XIII edición de 1998 (despois de ser tres candidatos na I edición, cinco na II e III edición, e tres dende a IV ata a XII edición), aínda que dende a XXVIII edición de 2013 só na categoría de Mellor película se elixen cinco candidatas.
- I edición (1987)
- II edición (1988)
- III edición (1989)
- IV edición (1990)
- V edición (1991)
- VI edición (1992)
- VII edición (1993)
- VIII edición (1994)
- IX edición (1995)
- X edición (1996)
- XI edición (1997)
- XII edición (1998)
- XIII edición (1999)
- XIV edición (2000)
- XV edición (2001)
- XVI edición (2002)
- XVII edición (2003)
- XVIII edición (2004)
- XIX edición (2005)
- XX edición (2006)
- XXI edición (2007)
- XXII edición (2008)
- XXIII edición (2009)
- XXIV edición (2010)
- XXV edición (2011)
- XXVI edición (2012)
- XXVII edición (2013)
- XXVIII edición (2014)
- XXIX edición (2015)
- XXX edición (2016)
- XXXI edición (2017)
- XXXII edición (2018)
- XXXIII edición (2019)
- XXXIV edición (2020)
- XXXV edición (2021)
- XXXVI edición (2022)
- XXXVII edición (2023)