Tálero
O tálero ou táler (alemán: thaler -ata 1901- e taler -actualmente-; neerlandés: daalder; linguas nórdicas: daler) era unha antiga moeda de prata de gran módulo orixinaria de Alemaña e usada en diversos países de Europa central en diferentes países, desde o século XVI ata o século XIX.[1][2]
O seu nome vén da forma abreviada do nome Joachimstaler Guldengroschen ("florín de ouro do val de San Xoaquín"), dado a unhas moedas cuñadas en 1484 polo duque Sexismundo de Austria con prata de minas de Sankt Joachimsthal en Bohemia, hox e Jáchymov, na República Checa.[3][4]
Historia
[editar | editar a fonte]En Alemaña e Austria
[editar | editar a fonte]A división política do Sacro Imperio Romano Xermánico fixo que que en pouco tempo comezasen a circular moitas moedas de prata de valores diferentes, o que supuña un atranco para os negocio. O Reichstag de 1559 e 1566 de Augsburgo organizou o control das moi numerosas casas de moeda señoriais e prescribiu a unificación do sistema monetario, para o que se escolleu o tálero de Saxonia, que tomou o nome de reichstaler ("tálero imperial"). A nova moeda foi un éxito e axiña se espallou ata se converter nun estándar de facto para o comercio, mesmo alén das fronteiras do Sacro Imperio. Este tálero tiña un peso de 29,23 gramos e estaba batido en prata cunhabn pureza de 889 milésimas.[5]
Un decreto imperial asinado en Viena o 20 de setembro de 1753, consecuencia du acordo con Baviera, deu orixe a unha nova variedade de tálero, chamada konventionstaler, cun peso de 23,385 gramos, que de camiño estendeu o seu uso por todos os estados alemáns. A máis célebre destas moedas foi a coñecida como Maria-Theresien-Taler ("Tálero de María Tareixa"), cuñado en Viena a nome de María Tareixa I de Austria a partir de 1780 e que chegou a ter unha intensa circulación internacional, mesmo no mundo árabe, ata ben entrado o século XIX.[6]
Os derradeiros táleros en circulación foron os de Prusia (preussenthaler), creados como resposta économico-financeira de Prusia ao Imperio Austríaco, como consecuencia dun tratado de unión monetaria e alfandegueira dos estados alemáns do Norte asinado en 1838, denominado Zollverein. O seu peso era de 16,70357 gramos. En 1871, logo da guerra franco-prusiana, ao recibir unha importante indemnización pagada en francos de ouro, o Imperio de Prusia abandonou o tálero e o padrón prata e introduciu o marco con padrón ouro (goldmark).
Nos Países Baixos
[editar | editar a fonte]Nos Países Baixos españois cuñouse inicialmente o chamado philipsdaalder durante o reino de Filipe II de Castela, cun peso de 34,27 gramos e unha lei de vinte quilates, que deu paso nos principios do século XVII ao tálero de Borgoña, coñecido como patacón, de menor peso e lei, que foi alternando co do Sacro Imperio en función do difícil equilibrio político na rexión nesa época.[7][8]
En 1567, a cidade de Nijmegen asumiu o reichstaler. Ao declarar a súa desobediencia ao rei de España, en 1581, axiña a República das Sete Provincias Unidas, que de facto pasaba a formar parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, retomou tamén esa moeda para facilitar os negocios (co nome adaptado ao neerlandés: rijksdaalder) . O Ducado de Brabante e o Condado de Flandres mantiveron, no entanto, o philipsdaalder.
A partir de 1840, a palabra foi usada nos Países Baixos para designar unha nova moeda de dous floríns e medio, con 25 gramos e unha lei de 945 milésimas.
En Escandinavia
[editar | editar a fonte]O tálero introduciuse en Escandinavia baixo o nome de daler a principios do século XVII e axiña pasou a converterse nunha moeda de uso xeral. Estas variedades de táleros mantivéronse en Dinamarca e Suecia ata 1873, cando foron substituídos pola coroa dinamarquesa e a coroa sueca, as novas moedas introducidas pola Unión Monetaria Escandinava. Noruega adheriuse en 1876 e creou a coroa norueguesa.[9][10]
Herdanza do tálero noutras moedas
[editar | editar a fonte]Hoxe en día noi hai ningunha moeda en circulación no mundo coa denominación de tálero. No entanto, algunhas manteñen a súa herdanza nos seus nomes ou naceron en relación coas súas características metrolóxicas:
- Estados Unidos. Desde o territorio neerlandés de Nova Ámsterdam (actualmente Nova York) o tálero holandés (daler) foise estendendo por todas as colonias británicas de América do Norte na época da Revolución estadounidense e chegou aadoptarse como unidad monetaria nos novos Estados Unidos de América na súa fundación, a finais do século XVIII, coa denominación adaptada á ortografía inglesa que hoxe coñecemos: dollar ("dólar").[11][12][13]
- Eritrea. Na colonia italiana de Eritrea cuñáronse en 1891 moedas de prata a nome de Humberto I equivalentes ao tálero en peso, lei e valor, co valor facial expresado paralelamente como 5 liras e 1 tálero (italiano: tallero).[14][15]
- Eslovenia. O tálero (en esloveno: tolar) inspirou tamén o nome do tolar, que foi a unidade monetaria de Eslovenia desde a súa independencia en 1991 ata a fin de 2006.
- Belarús. Tras a independencia de Belarús en 1991, o Sóviet Supremo desta república considerou a adopción do tálero como unidade nacional, dividida en 100 hrosh, aínda que a maioría comunista na cámara rexeitou a proposta e acabou por instituír o rublo belaruso, máis acorde coa tradición da república dentro dos extintos Unión Soviética e Imperio Ruso.
- Países nórdicos. A propia denominación de "coroa" para as moedas escandinavas que substituíron o tálero provén da forma simplificada dunha das variedades do tálero, o kronentaler.
- Grecia. Cando en 1833 se instituíu en Grecia a dracma como unidade monetaria, pasou a coñecerse como tálero (en grego: taliro) a moeda de 5 dracmas de prata, xa que coincidía en peso e valor co tálero daquela época. Mesmo despois da desaparición da dracma como unidade, o termo mantense vivo aínda para designar o billete de cinco euros.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A reforma ortográfica do alemán de 1901 determinou a escrita de taler no canto de thaler.
- ↑ Táler é a adaptación á ortografía galega do alemán taler. Tálero é a forma proposta como normativa no DRAG e no Portal das Palabras.
- ↑ Kluge. Etymologisches Wörterbuch der deutschen Sprache. Bearbeitet von Elmar Seebold. 25. Auflage. De Gruyter, Berlín/Boston, 2011 (en alemán)
- ↑ Arnold, Paul et al, Großer Deutscher Münzkatalog von 1800 bis heute. Augsburg, 2015. [ISBN 978-3866461215] (en alemán)
- ↑ Van Gelder, Enno. "Geschiedenis van de rijksdaalder". Tijdschrift voor Numismatiek, XXIII, n° 2, 1973. Páxinas 23-29 (en neerlandés)
- ↑ "The Maria Theresa Thaler 1780". En Theresia.name (en inglés)
- ↑ "Patagones". En Moneda Hispánica (en castelán)
- ↑ "Le Patagon Arquivado 22 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Museo do Banco Nacional de Bélxica (en francés)
- ↑ "1875 Fra rigsdaler til kroner". Banco Nacional de Dinamarca (en dinamarqués)
- ↑ Edvinsson, Rodney (2010). "Swedish monetary standards in historical perspective". En Historical Monetary and Financial Statistics for Sweden: Exchange rates, prices and wages 1277–2008. Sveriges Riksbank. Páxinas 26-66 [ISBN 978-91-7092-124-7] (en sueco)
- ↑ "Dollar". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ "Lion Dollar. Introduction". En Coins.nd.com (en inglés)
- ↑ "Dollar". En Online Etymology Dictionary (en inglés)
- ↑ "Tallero". No dicionario en liña Merriam-Webster (en inglés)
- ↑ "Eritrean Tallero". En The Free Dictionary by Farlex (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tálero |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Patacón (moeda holandesa)
- Tálero de convención
- Tálero de María Tareixa
- Tálero de Prusia
- Tálero de tiro
- Reichstaler
- Kronentaler
- Vereinstaler
- Reichsmünzordnung
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caspar, Helmut. Vom Taler zum Euro. Die Berliner, ihr Geld und ihre Münze. Berlin Story Verlag. Berlín, 2006 [ISBN 3-929829-30-4] (en alemán)
- Klütz, Konrad. Münznamen und ihre Herkunft. Moneytrend Verlag. Viena, 2004 [ISBN 3-9501620-3-8] (en alemán)
- Flandrin, Philippe. Les thalers d'argent. Histoire d'une monnaie commune. Le Félin, 1997 [ISBN 978-2866452797] (en francés)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "La evolución del Thaler o Taler Arquivado 27 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". Cervera Colecciones.