Academia.eduAcademia.edu

A lingua en 2050: Limiar

A reflexión sobre a situación actual da lingua galega convértese nun detonante impulsivo para indagar, desde a especulación, sobre o seu futuro. Por iso, neste volume proponse pór a proba a imaxinación respecto ao futuro do idioma propio de Galicia na metade do século xxi. Para tal fin, o sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo interpelou un grupo de persoas, todas elas suxeitos con experiencia, traballo e ideoloxías arredor da lingua galega, en diferentes sectores, desde perspectivas diferentes e, ás veces, diverxentes, para que avanzasen a súa visión sobre a situación social do idioma no 2050. Polas condicións económicas, políticas, sociais e tecnolóxicas nas que nos atopamos na actualidade, os case trinta anos que temos por diante están chamados a ser un momento crucial para o noso idioma, ben para o seu fortalecemento, ben para a súa ritualización. Con esta compilación, queremos contribuír ao debate sobre o futuro (desde o presente) do idioma galego e trazar as liñas do horizontal social e lingüístico que nos leven a facer dos desexos unha realidade.

A lingua en 2050 Fernando Ramallo (coord.) Título: A lingua en 2050 © da obra: Catro Ventos Editora, S. Coop. Galega, 2021 © dos textos: as súas autoras e autores Coordinación editorial: María Mediero Mayán Revisión lingüística: Patricia Buxán Outeiro e María Mediero Mayán Deseño e maquetación: Alicia Rodríguez Malga e Isidro Dozo Valladares Catro Ventos Editora, S. Coop. Galega Rúa Ferrería, 25 – 36202 Vigo (Pontevedra) www.catroventos.gal ISBN: 978-84-122499-8-9 Depósito legal: VG 519 - 2021 Impreso en Jadfel Artes Gráficas Fieis ao principio de sustentabilidade ambiental que, entre outros, rexe as actividades de Catro Ventos, traballamos para que a pegada ecolóxica dos nosos libros sexa a mínima posible. Por iso, nese avance cara á ecoedición, baseado na investigación de procesos e na cooperación coas nosas provedoras, este libro que tes nas mans é moi especial, como che explicamos a seguir. — O papel ten certificación FSC e está libre de ácidos, metais pesados e cloro (este último é un elemento químico altamente tóxico que adoita empregarse para o branquexamento da pasta de papel). — Non hai metais pesados (o máis común nas tintas convencionais é o cobalto) nin aceites minerais nas tintas empregadas na impresión. Estas son de base vexetal, polo que están libres de compostos orgánicos volátiles. — A cuberta non está laminada, é dicir, non leva recubrimento plástico ningún. — Conseguimos reducir ao máximo as emisións contaminantes ligadas ao transporte imprimindo a só 3 km da nosa sede. Se queres máis información sobre como traballamos para reducir o noso impacto na contorna, visita a nosa web: catroventos.gal/ecoedicion 9 Nota da editora 11 Limiar, de Fernando Ramallo 19 Mudemos as mentalidades: o galego en 2050 Fran Alonso 27 Como imaxino a situación da lingua galega no ano 2050? Xesús Alonso Montero 43 Despseudomercantilizar o galego, o português: uma língua comunal e socialista Celso Alvarez Cáccamo 51 O idioma galego na batalla das linguas Xosé Luís Axeitos 61 Trinta primaveras para a lingua galega Darío Xohán Cabana 69 Cando pasen trinta anos Conchi Cochón Rodríguez 77 Estamos mellor e peor ca nunca Xosé-Henrique Costas González 85 A lingua galega no ano 2050 Xosé Ramón Freixeiro Mato 95 Lingua viva en 2050. Reto posible e desexo irrenunciable Valentín García Gómez 103 2050: Oxalá María Pilar García Negro 111 Agardando polo azar favorábel Xenaro García Suárez 119 2 de xaneiro de 2051 Luís López Alonso 127 Mil primaveras máis? Rosa López Fernández 137 O galego en 2050?: estabilidade, vitalidade social e vectores de avance Anxo M. Lorenzo Suárez 145 2050: esperanza, consciencia e reparación Marcos Maceira Eiras 155 Predicir a lingua X. L. Méndez Ferrín 161 A reversión da substitución lingüística permite albiscar un porvir esperanzador para o galego Henrique Monteagudo 169 Logo que passem vinte e cinco anos Teresa Moure 181 Comentario crítico Manuel Núñez Singala 193 Por onde comezar? Fernando Ramallo 205 A lingua galega en 2050 Xosé Luís Regueira 213 2050: os Irmandiños e a internacionalización do galego Gabriel Rei-Doval 227 Visión utópica sobre a vitalidade do idioma no 2050 Francisco Rodríguez Sánchez 235 Como imaxinas a situación da lingua galega no 2050? Rexina Rodríguez Vega 245 O galego no 2050. Un incerto futuríbel Iolanda Teixeiro Rei Nota da editora Hai uns meses, Fernando Ramallo acudiu a nós coa proposta que agora ve a luz neste libro. Era un proxecto xa pechado, unha idea xa executada. Fernando puxera xente de diferentes eidos a darlle á cabeciña e á imaxinación, xente que se cadra non estará aquí no 2050, xente cunha importante bagaxe no lombo do que foi o galego até agora, e que el tan ben explica no seu limiar. Dúas eran as preguntas formuladas e na editora estabamos en albas por ler as respostas, as opinións dos expertos e os seus soños. Para sermos o máis fieis posibles ás verbas de cada autora e autor, respectamos as opcións lingüísticas de cadaquén, dende a variante de galego escollida até a ortografía, gramática, léxico e tipografía. Dende o privilexio que nos dá sermos a editora do libro, queremos nós tamén responder en dúas liñas a como cremos e como soñamos que será o futuro da lingua. A nosa resposta está na propia pregunta: queremos unha lingua con futuro. Soñamos e desexamos que a vontade do pobo galego sexa a de usar a súa lingua nai e propia, e confiamos en que así vai ser, se non... por que habiamos ter este proxecto editorial? A lingua, o galego, será. 9 Limiar A reflexión sobre a situación actual da lingua galega convértese nun detonante impulsivo para indagar, desde a especulación, sobre o seu futuro. Por iso, este volume que agora presentamos proponse poñer a proba a imaxinación respecto ao futuro do idioma propio de Galicia na metade do século xxi. Para tal fin, interpelamos un grupo de persoas, todas elas suxeitos con experiencia, traballo e ideoloxías arredor da lingua galega, en diferentes sectores,1 desde perspectivas diferentes e, ás veces, discordantes, para que avancen a súa visión sobre a situación social do idioma no 2050, isto é, dentro de tres décadas. Polas condicións económicas, políticas, sociais e tecnolóxicas nas que nos atopamos na actualidade, os case trinta anos que temos por diante están chamados a ser un momento crucial para o noso idioma, ben para o seu fortalecemento, ben para a súa ritualización. En parte, o volume que agora presentamos inspirouse nun interesante e pouco coñecido evento que tivo lugar en 1977, artellado como un debate de longo alcance sobre o futuro de Galicia. Referímonos ao seminario de traballo «Galicia no ano 2002 a través da imaxinación creadora», organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e cuxas reflexións foron recollidas e publicadas nun libro en 1978.2 Este seminario reuniu catorce persoas que durante sete sesións dialogaron, ao longo de todo Os diferentes perfís, ás veces combinados na mesma persoa, son: profesorado das tres universidades galegas, escritoras/es de ficción, docentes de secundaria, xornalistas, responsábeis de servizos de normalización lingüística, políticos, membros da Real Academia Galega, ensaístas, activistas ou editores. En diversos casos, son persoas que iniciaron a súa reflexión e defensa da lingua galega nas condicións impostas pola ditadura franquista. 2 Véxase VV. AA. (1978). Galicia 2002. A través da imaxinación creadora. Vigo: Universidade de Santiago de Compostela. 1 11 Fernando Ramallo ese ano, sobre como vían a Galicia de 2002, isto é, a Galicia de 25 anos despois. A derradeira desas reunións, que aconteceu o 15 de outubro de 1977, tivo como eixo a temática «A educación e o ensino», con trece participantes, todos eles figuras relacionadas, en maior ou menor medida, co galeguismo cultural.3 Pois ben, parte das reflexións mobilizadas nesa sesión —mais tamén noutras— tiñan como finalidade imaxinar a situación do idioma galego no ensino en 2002. O obxectivo principal da compilación que agora recollemos no presente libro é contribuír ao debate sobre o futuro (desde o presente) do idioma galego. Para tal fin, pedimos a resposta á seguinte pregunta: Como imaxinas a situación da lingua galega no 2050? Sen ningún tipo de restrición sobre a achega de cadaquén, propuxemos que a reflexión se sustentase arredor de dúas posicións complementarias, e, con frecuencia, diverxentes. Dunha banda, a reflexión sobre as crenzas, sustentadas, en aparencia, no que sabemos (mais tamén nos nosos prexuízos) e, por outra banda, os desexos, isto é, aquilo que está fóra de nós e que orienta, en parte, as nosas accións, tal como recollen as preguntas seguintes: a) Como cres que estaremos a mediados de século. b) Como desexas que esteamos a mediados de século. De ser o caso, incluíndo medidas urxentes e a medio prazo para chegar da mellor maneira posíbel a ese momento. En definitiva, o que pretendemos con estas preguntas, fronte a moitas outras que poderiamos incluír, é mobilizar unha combinación de saberes, cobizas, emocións e esperanzas arredor dun acontecemento afastado no tempo e arriscado na súa avaliación. Así pois, a única condición enriba da mesa foi colocármonos imaxinariamente na Galicia do 2050 e propoñer unha visión reflexiva ao respecto da situación da lingua galega nesa altura. Trátase de poñer por riba a imaxinación creadora; iso si, non desde un baleiro empírico senón a partir da coñecida realidade sociolingüística dos últimos 50 anos. 3 Xosé María Álvarez Blázquez, Tomás Barros Pardo, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Isaac Díaz Pardo, Wenceslao Fernández de la Vega, Xosé Filgueira Valverde, Xosé Luís Franco Grande, Domingo García-Sabell, Camilo González Suárez-Llanos, Ramón Piñeiro e Luis Seoane. 12 Limiar Sabedores dos riscos que ten dialogar sobre cuestións prospectivas para tempos dos que nada coñecemos, a proposta foi moi ben acollida e as persoas ás que lles ofrecemos colaborar coas súas achegas aceptaron de inmediato e enviaron os seus textos en tempo e forma. O resultado é o presente libro, con 25 contribucións e este limiar. Desde logo, unha aventura coma esta non está exenta de riscos e, como coordinador, son consciente de que, ademais das persoas que participan, outras moitas poderían ter sido convidadas a enviar as súas achegas, que, en todo caso, confiamos estimular con este traballo iniciático. De feito, esta é unha obra aberta, que oxalá poida servir para fortalecer o debate problematizador e, asemade, emancipador, en distintos eidos da sociedade, especialmente, sobre como proceder coas accións de intervención urxentes que recollen estes textos, se asumimos que o galego debe ser a lingua vehicular para as xeracións futuras en Galicia. O volume inclúe diferentes xéneros e estilos discursivos, desde a ficción literaria ata traballos próximos ao academicismo. En calquera caso, todos eles son exercicios cun elemento imaxinativo indiscutíbel, precisamente por indagar no mundo descoñecido, sobre o que non sabemos nada nestes intres, agás que está en continuo movemento e que todo pode acontecer, desde o fortalecemento, aínda máis, da substitución lingüística, ata a consolidación do idioma galego como a lingua de uso preferente en todos os grupos etarios. Os próximos 30 anos Para contextualizar brevemente o futuro a medio prazo, tomemos como referencia as seguintes intervencións sobre a lingua galega na imaxinación dos seus autores no citado libro Galicia 2002:4 a) Desexo concibido por Domingo García-Sabell (VV. AA. 1978: 135) Emprego universal e constante da lingua galega. Dende a nenez astra á morte. Emprego sen solucións de continuidade, de tal xeito que o falar e o escribir no noso idioma resulte algo que non se note. Algo que é natural. E é natural 4 Recollemos as citas literais, sen intervir nas decisións formais dos autores. 13 Fernando Ramallo porque está incorporado, cómpre dicir, feito corpo do falante. Falar castelán será o engadido, o que ven despois. Co galego nácese. O castelán apréndese. No ano 2002 a lingua galega non será un problema: será unha realidade b) Desexo concibido por Xosé María Álvarez Blázquez (VV. AA. 1978: 220) O ensino impártese en lingua galega a tódolos niveis. c) Desexo concibido por Camilo González Suárez-Llanos (VV. AA. 1978: 231-232) Eu parto do evidente posto central do idioma en todo o sistema educativo tendente á potenciación do home galego. […] Pois se non se propón un idioma popularmente aceptable, o dominio exclusivo do castelán en Galicia non terá remedio. Non defendo, claro é, unha castelanización indiscriminada do galego. Defendo camiños de pureza idiomática que poidan ser popularmente asumidos. Cando menos, dúas son as conclusións que podemos extraer destas tres intervencións. Por unha banda, o futuro do idioma pasaría, para estes autores, por manter a reprodución sociolingüística familiar. Por outra banda, víase chave garantir un sistema educativo total en galego, que hoxe chamamos inmersión lingüística, sustentando na calidade lingüística. Pois ben, ambos os desexos, entendidos coma demandas, non tiveron lugar. A transmisión lingüística familiar interrompeuse de xeito claro nas últimas décadas e o modelo de ensino bilingüe establecido en Galicia nos diferentes decretos está lonxe de poder equipararse á inmersión lingüística, agás, en parte, o Decreto 124/2007 xa derrogado. A frustración destes dous desexos é fundamental para entendermos a delicada situación actual da lingua, comparada, xa non con outras épocas centenarias, senón co ano 1977, que é cando se formulan. Desde unha aproximación diferente, no prólogo ao Informe dramático sobre la lengua gallega (1973: 8), Xesús Alonso Montero di: 14 Limiar Nuestra lengua, señoras y señores, está amenaza de muerte. Seríamos superlativamente cándidos si creyésemos que disponemos de armas eficaces para oponernos al avasallante cerco en que vivimos. El peligro está tan cerca, tan próximo, tan a nuestro lado, que ya sólo una pregunta es legítima: ¿Qué hacer? A resposta a esta pregunta é tratada especificamente no capítulo 10 do citado libro, que leva por título a tal cuestión «¿Qué hacer?».5 En palabras do autor, só hai dous camiños para evitar a «muerte inmediata» do galego nos vinte anos seguintes. Dunha banda, garantir a presenza relevante —e mesmo exclusiva— do idioma galego no ensino, nos medios de comunicación, no teatro, na literatura e na edición de libros. Doutra banda, imaxinar unha situación na que as «minorías obreras y campesinas de conciencia crítica se reconozcan orgullosamente en la lengua que aún es de ellos y, prácticamente, sólo de ellos» (Alonso Montero 1973: 150). Cincuenta anos despois destas reflexións, a lingua galega segue falándose en toda Galicia e nalgúns territorios veciños.6 A este respecto, é obvio que o primeiro camiño tivo un desenvolvemento real, ligado ao recoñecemento da lingua a partir de 1981, coa aprobación do Estatuto de Autonomía. Iso si, con notoria moderación, particularmente no ensino e nos medios de comunicación. O segundo é máis difícil de valorar; en todo caso, a evolución intensa do capitalismo desde 1973 a 2021 confirma que a «conciencia crítica» no proletariado é moito menos intensa do necesario, incluída a conciencia política de clase, fundamental para a radical transformación da sociedade, como pon expresamente de manifesto o libro de Lenin que, con ese mesmo título, Что делать? (Que facer?), publicou en 1902. Chegados ata aquí, debemos preguntarnos novamente «Que facer?», ou mellor, retomando tamén o título dun artigo previo de Lenin, «Por onde comezar?», para garantir que a mediados do século xxi unha boa O propio Xesús Alonso Montero profunda nesa cuestión tamén no artigo presente neste libro. Xa en 1974, Francisco Rodríguez fixo unha crítica á visión futurista de Xesús Alonso Montero nun traballo publicado no diario La Región de Ourense e recollido posteriormente como apéndice (páxinas 49-64) no libro Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia, cuxa primeira edición se remonta a 1976 (Edicións Xistral). 5 6 15 Fernando Ramallo parte da sociedade galega fale en galego de xeito dominante. Desde logo, aumentar a conciencia sociolingüística crítica do conxunto da poboación, e non só da clase obreira, para evitar a dispersión e a vacilación actual respecto da lingua. Mais o devalo polo que transcorre a lingua galega desde hai, cando menos, cen anos, lévanos a imaxinar que só unha radical superación das desigualdades sociolingüísticas pode garantir un futuro certamente esperanzador para este idioma milenario. Con este libro queremos contribuír a responder esas preguntas. Así pois, agardamos que esta recolleita de respostas, ordenadas alfabeticamente, a partir do nome do autor/a, abra unha nova etapa nun debate sobre o futuro (o pasado e o presente) do galego que non para de estar presente na sociedade. Como nada permanece inmóbil, desde os planetas ata as gotas de auga, non temos outra que reflexionar sobre as condicións materiais que estabelecen o noso ser sociolingüístico, determinado polo social, o político e o económico. E, sempre que sexa preciso para superar a minoración lingüística, coas súas desigualdades explicitadas por unha hexemonía que nos entrelaza nunha minoría de idade, traballemos arreo para cambiar esas condicións e encamiñarnos cara a unha emancipación que definitivamente recupere a vitalidade histórica da lingua galega. A lectura atenta destes textos permite identificar algunhas similitudes, non só na interpretación sobre os trazos relacionados co futuro da lingua galega, senón, mesmo, no relato sobre os desexos e os anhelos a respecto do que acontecerá en 2050. Mais isto é, en boa medida, mera coincidencia, xa que ningunha das persoas que contribúen neste libro coñecía os textos das demais. Mesmo no caso de quen asina este limiar, que, como promotor e coordinador do volume si tivo acceso a todos os textos previamente, redactou o seu sen ler os dos demais, precisamente para evitar, na medida do posíbel, ser influído por posicións próximas ou afastadas. Agora ben, as similitudes e as diverxencias teñen, case sempre, un fondo —e unha forma— ideolóxica. En definitiva, a partir dos trazos comúns, das diverxencias e das contradicións que estes textos recollen, queda en mans de quen lea o 16 Limiar presente libro sacar conclusións sobre as condicións de partida, os desexos e as posibilidades de futuro, en tanto que tríade dialéctica, sobre o que acontecerá co idioma galego en 2050… e de aí por diante. Fernando Ramallo 17 View publication stats