María Cardarelly
María Cecilia Cardarelly Bousquet, nada en Zaragora en 1845 e finada probablemente en Madrid cara a 1910, foi unha fotógrafa galega, unha das primeiras mulleres en contar con estudio propio en España e a primeira en Galicia[1][2].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María Cecilia Cardarelly Bousquet 1845 Zaragoza, España |
Morte | c. 1920 (74/75 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | fotógrafa |
Traxectoria
editarInfancia e xuventude
editarTras a súa saída da capital aragonesa, onde María Cecilia naceu, a familia dos tintureiros franceses conformada por Agustín Cardarelly e Mariana Bousquet, chegaron a Galicia sobre 1851. Estiveron un tempo establecidos en Lugo. Sábese que os Cardarelly exerceron a profesión en ambulancia, polo que os temos tamén localizados en Ourense e Santiago de Compostela neses primeiros anos da década. Finalmente, sobre 1854, a familia estableceuse definitivamente en Santiago, cando María contaba 9 anos. Tras un breve paso pola rúa Nova[3], fixaron a casa e o negocio na rúa do Hórreo.
María Cardarelly creceu nun ambiente propio da pequena burguesía de industriais estranxeiros afincados na cidade. Case todos eles, por definición, pertencían á mesma parroquia, a de Santa María da Corticela, que está inserta na Catedral. Así que os encontros e contactos entre eles eran frecuentes. Non é de estrañar que os Cardarelly mantivesen unha certa amizade, por exemplo, cos Osterberger[3] ou os Segond, durante o tempo da súa estadía en Santiago. Máis tamén con certa parte dos intelectuais liberais da época, cos que compartían inquedanzas. Neste sentido isto explicaría a súa relación cos Murguía-De Castro[4], igual que con outros fotógrafos coetáneos de ideoloxía similar, como Encausse.
Encontros coa fotografía
editar
Imaxes de Rosalía no arquivo da RAG (esq.) e no arquivo da FRC (der.). |
Os motivos que levaron a María Cardarelly á fotografía non están claros. Aparentemente, non había tradición familiar. O que talvez si sucedeu é que se formou como retocadora e pintora de panos de fondo nalgún dos estudios locais, o que lle puido valer tamén para formarse en fotografía[5][6]. Ilustra esta teoría o feito de que a primeira fotografía que se lle atribúe —que é un retrato realizado en Noia á irma do xuíz local, chamada Teresa Lamas— ten por única sinatura a que figura no pano de fondo fotografado, que pon "M. Cardarelly". É dicir, é un retrato feito en ambulancia (porque non está realizado onde estaba o estudio, en Santiago) e no que a única autoría segura é a da quen pintou o pano de fondo.
Por outra banda, tense comprobado a existencia dunha relación entre o fotógrafo noiés Eliseo Segond (fillo tamén de tintureiros) e a propia María Cardarelly[7][8]. Segond, ademais, é o autor da única fotografía coñecida desta[9]. Eles dous, deberon asociarse durante un breve período de meses en Santiago, no estudio que finalmente estableceu María.
Porque, efectivamente, sobre 1864, cando María contaba uns 19 anos, comezou a exercer como fotógrafa de estudio no domicilio familiar, na rúa do Hórreo compostelá, que era daquela parte dos arrabaldes da cidade. É un caso estraño tendo en conta a súa xuventude, a súa condición feminina e a elección dun espazo tan pouco axeitado comercialmente para dirixirse ao público que naquel tempo mercaba fotografía. Inevitablemente, estas circunstancias trouxeron como consecuencia un fracaso comercial e o abandono da profesión coincidindo coa marcha da cidade, contra 1866.
Porén, se María Cardarelly é lembrada é por seren a primeira retratista coñecida de Rosalía de Castro, e por partida dobre[10][11]. Unha delas pertencía ao fondo de imaxes familiares, que Gala Martínez-Murguía de Castro doou á Real Academia Galega, e a outra foi un achado que fixo Anxo Angueira no 2013. Ambas as dúas foron tomadas contra 1865[12] nunha mesma sesión fotográfica, e veñen asinadas co selo do estudio. Mais non foron estas as únicas imaxes tomadas por Cardarelly aos Murguía-De Castro. No 2017 descubriuse que outra das fotografías doadas por Gala á RAG e asinada por María Cardarelly era, de feito, un retrato da primeira filla de Rosalía, Alejandra[13].
A atribución de só catro fotografías á autoría de María Cardarelly e que tres delas o sexan do ámbito familiar de Rosalía de Castro, ven insinuar unha probable relación entre a parella de escritores e a familia de tintureiros[14].
Pianista en Ferrol
editarAndando o ano 1866, os Cardarelly abandonaron Santiago e estableceron a nova tinturaría na rúa María, en Ferrol[15][16]. Neste novo período a fotografía quedou, definitivamente, aparcada. Porén, unha enfermidade provocou a morte do pai a finais do ano seguinte, polo que a nai e María quedaron sen protección. Así que, antes de pasar dous meses, María Cardarelly casou co pintor madrileño Juan Velasco, co que tivo unha única filla, Matilde Dolores (n. 1869).
A necesidade de ingresos, e posiblemente a busca dunha certa independencia, levou a María a traballar na venda a comisión de pianos con Canuto Berea. Secasí tamén ofreceu recitais de piano en diferentes actos sociais ferroláns, e deu durante moitos anos clases particulares deste instrumento a nenas da cidade. Neste sentido hai que salientar a amizade que mantivo coa notable pianista Eugenia Osterberger, tamén coñecida como Madame Saunier, quizais desde a súa común infancia pasada en Santiago[17].
Mortos marido (en 1878) e filla (pouco antes), volveu casar en 1881[17] co enxeñeiro militar Antonio Pérez, que tres anos despois morreu en Filipinas[18]. Pasado o cambio de século, o círculo íntimo de Cardarelly reduciuse moito e, en 1910, con 65 anos, trasladouse a Madrid a vivir cuns familiares. Aquí debeu falecer dentro do período da segunda década do século XX[17].
Notas
editar- ↑ (Castelao 2016)
- ↑ (Castelao 2017, p. 1)
- ↑ 3,0 3,1 (Castelao 2018, p. 107)
- ↑ (Castelao 2018, p. 108)
- ↑ (Castelao 2017, p. 9-10)
- ↑ (Castelao 2018, p. 108-109)
- ↑ (Castelao 2017, p. 10)
- ↑ (Castelao 2018, p. 109)
- ↑ (Castelao 2019)
- ↑ (Rodríguez 2013, p. 11)
- ↑ (Angueira 2013, p. 5)
- ↑ (Castelao 2017, p. 14)
- ↑ (Castelao 2017, p. 15)
- ↑ (Castelao 2017, p. 14-15)
- ↑ (Castelao 2017, p. 16)
- ↑ (Castelao 2018, p. 110-111)
- ↑ 17,0 17,1 17,2 (Castelao 2018, p. 111)
- ↑ (Castelao 2017, p. 18-19)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Rodríguez Martínez, Lois (maio de 2013). Fundación Rosalía de Castro, ed. "O retrato de Portela que mudou a imaxe de Rosalía" (PDF).
- Angueira Viturro, Anxo (xullo de 2013). Fundación Rosalía de Castro, ed. "Unha primeira edición de Cantares gallegos con fotografía, autógrafo e carta de Rosalía" (PDF).
- Castelao, Carlos (4-11-2016). "A pioneira da fotografía en Galiza". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 03-11-2019. Consultado o 03-11-2019.
- Castelao, Carlos (9-3-2017). Fundación Rosalía de Castro, ed. "María Cardarelly, un lóstrego na fotografía galega" (PDF).
- Castelao, Carlos (2018). "María Cardarelly". As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora. pp. 106–111. ISBN 978-84-16460-51-9.
- Castelao, Carlos (19-5-2019). "Novas luces nunha relación: Eliseo Segond e María Cardarelly". Memoria da Imaxe (blog).
- Rodríguez Rodríguez, Anaír. Pioneiras 2. Galegas que abriron o camiño (1ª edición: febreiro de 2019 ed.). Vigo: Ed. Xerais. ISBN 978-84-9121-464-9.
Ligazóns externas
editar- Padín Ogando, Fernanda (13-11-2016). "María Cardarelly (1845-?)". Fotógrafas Pioneiras (web).
- Bugallal, Isabel (4-12-2016). "María Cardarelly, fotógrafa ignorada". La Opinión de A Coruña (en castelán) (A Coruña).
- "María Cardarelly, la primera fotógrafa de estudio en Galicia". Compostela, Territorio das Mulleres (web) (en castelán). 21-10-2017.
- Castro, Antón (6-3-2019). "María Cardarelly y Juana Cabello, dos zaragozanas pioneras de la fotografía en Compostela". Heraldo de Aragón (en castelán) (Zaragoza).