Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza.[2] Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.[3]
Universidade de Santiago de Compostela | |
---|---|
Colexio de Fonseca | |
Datos xerais | |
Localización | Santiago de Compostela |
Datos actuais | |
Reitor | Antonio López Díaz |
Alumnos | 28.138 (Curso 2011-2012)[1] |
Datos de contacto | |
Enderezo | Colexio de San Xerome Praza do Obradoiro, s/n 15782. Santiago de Compostela |
Páxina web | www.usc.gal |
[ editar datos en Wikidata ] |
En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo. No ano 2012 contaba con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Histórico, Norte e Sur-, e Campus de Lugo) cun total de 23 facultades e 2 escolas técnicas superiores.[4]
Durante o curso 2011-12 o número de estudantes matriculados ascendía a 28.138, dos cales 24.758 correspondían a titulacións oficiais do 1º e 2º ciclos e grao, 1.677 a másteres oficiais e 1.703[5] a outros estudos (titulacións e másteres propios, cursos de especialización, cursos de formación continua e 4º ciclo).[1]
En abril de 2018 foi elixido reitor o xurista Antonio López.
Historia
editarA finais do século XV o notario e rexedor compostelán Lopo Gómez de Marzoa promoveu a creación en Santiago dun Colexio de Estudantes Pobres, motivo polo cal se dirixiu ao abade do bieito mosteiro de San Martiño Pinario frei Juan de Melgar na procura do seu apoio.
Deste xeito o 4 de setembro de 1495 outorgáronse as escrituras de doazón (a dos relixiosos en castelán e a do notario en galego) nas que se fixaron as contribucións económicas que debían as partes para a fundación. Os de San Martiño doaron como sede o convento de San Paio, agás a igrexa, e o notario doou bens por un valor total de 50.000 marabedís de renda anual.
Pero este estudio de San Paio tivo unha vida moi curta xa que o 18 de xullo de 1499 os relixiosos, en capítulo presidido polo prior xeral e reformador xeral da orde de San Bieito para o Reino de Galiza, acordaron anular o contrato e instalar en San Paio ás monxas bieitas de Galiza.
O 17 de xullo de 1501 de novo Lopo Gómez de Marzoa xunto con Diego de Muros II, bispo das Canarias, e Diego de Muros III, deán de Santiago, fixeron unha segunda fundación, na que configuraron un Estudio Xeral coa súa propia normativa e a súa sede nunha casa da Rúa Nova onde se impartiron clases de gramática e unha cátedra de Canons. No ano 1504 unha bula do papa Xulio II confirma a fundación do devandito estudio. Este estudio foi absorbido polo Colexio de Santiago Alfeo no ano 1542, tras o pasamento do seu único catedrático Pedro de Victoria, considerado primeiro reitor da Universidade de Santiago[8].
A fundación de Alonso III de Fonseca
editarNo ano 1522 Alonso de Fonseca comeza a xestionar a creación dun Colexio Novo, ao que denominaría de Santiago Alfeo, que foi aprobado por medio dunha bula do papa Clemente VII o 15 de marzo de 1526 outorgándolle os mesmos privilexios que o colexio fundado polo cardeal Cisneros en Alcalá de Henares.
Fixou o proxecto no seu testamento de 1531, incluíndo a dotación ós executores e ó proxecto de construción, pero á súa morte no ano 1534 aínda non se puxera en marcha. Nos anos 1551 e 1552 algúns testamenteiros reuníronse co patrón do colexio, o conde de Monterrei, co obxecto de pór en marcha o colexio. O edificio xa estaba feito pero carecían da normativa organizativa, polo que chegaron a valorar a entrega da institución aos xesuítas para que fosen eles os que a organizasen. Finalmente, o 25 de outubro de 1553 promulgaron as primeiras ordenanzas, pero estas non chegaron a aplicarse. Xa había tempo que o Colexio de Santiago Alfeo estaba construído nos terreos doados polo propio Fonseca do solar familiar na Rúa do Franco.
As reformas de Cuesta e Portocarrero
editarAs liortas entre os partidarios de entregar a institución aos xesuítas, principalmente o arcebispo Xoán Álvarez de Toledo, e os testamenteiros fixo que o cabido recorrese á arbitraxe de Filipe II. Este, por medio da provisión real do 26 de xuño de 1555, encomendoulle ao doutor Andrés Cuesta o estudio e reorganización do colexio. Seguindo a encomenda organizou o Colexio de Santiago Alfeo diferenciándoo da propia Universidade. Só os colexiais do devandito colexio podían obter os graos académicos tendo que esperar á consolidación definitiva ata o 10 de decembro de 1567, cando o Consello Real estableceu as gradacións da Universidade de Santiago de Compostela. A coroa foi desde entón o principal patrón da institución.
No ano 1577 solicitouse de novo a intervención da Coroa para reformar os estatutos da universidade. A consecuencia foi a visita de Pedro Portocarrero e a posterior aprobación da súa reforma en outubro de 1588. Nela especificábanse mais polo miúdo as competencias e funcións dos diferentes órganos e establecíase a residencia para teólogos e xuristas no colexio maior de Santiago Alfeo e a dos artistas no de San Xerome, deixándolle a ensinanza da Gramática á Compañía de Xesús.
Ao longo do século XVI chegaron durante varios cursos aos 3.000 estudantes, que procedían principalmente de Galiza e Asturias.
No século XVII consolidouse coa incorporación das facultades de Leis e Medicina ás xa existentes de Artes, Teoloxía e Canons, e contou con ata cinco colexios: o de Santiago Alfeo, o de San Xerome, o de San Clemente, o de San Patricio dos Irlandeses e o efémero de San Salvador. A fins deste século non chegaba a 300 o número de estudantes.
Durante a maior parte do Antigo Réxime a universidade galega vai permanecer cinguida nos seus moldes escolásticos e tradicionais, inmune aos aires renovadores da Ilustración que influíron, aínda que levemente, noutras universidades españolas. O colexio maior de Santiago Alfeo ou de Fonseca, reduto das principais familias do reino, exercía un control case absoluto na adxudicación das cátedras (entre 1685 e 1748 coparon o 74% delas). Mesmo chegouse a abandonar a cátedra de Matemáticas, fundada en tempos de Filipe II, por considerar o ensino desta disciplina perigoso e inútil.
A pesar de todo, o século XVIII trae a Compostela tímidos aires renovadores. A raíz dun informe sobre a situación da universidade de Santiago, presentado en 1747 polo xesuíta Carral, prodúcense algúns cambios que limitan o poder dos colexios maiores (fiscalízanse as súas contas e redúcese o seu poder no claustro) e completan o proceso de secularización da institución ao afastala do control eclesiástico.
Pouco despois, en 1751, Carlos III, promulga as Providencias Reais polas cales a Universidade de Santiago de Compostela é nomeada rexia e engade ao seu escudo a coroa real sobre as armas dos reinos de Castela, León e Galiza e xunto aos emblemas heráldicos dos seus fundadores. O máis salientable destas Providencias no aspecto académico é a instauración das ensinanzas de Anatomía e Matemáticas, debendo rexerse ambas as dúas polos novos criterios experimentais.
O 2 de abril de 1767 o rei Carlos III asina o decreto de expulsión dos xesuítas. O patrimonio desta orde en Santiago de Compostela pasaba por mandato real á Universidade e constituía o centro da nova universidade ilustrada. Recuperábanse tamén disciplinas cedidas a ordes relixiosas.
En 1772, ao amparo do reformismo universitario impulsado desde Madrid por Campomanes, o claustro compostelán solicita a creación dunha cátedra de Física experimental, aínda que terá que esperar algúns anos para a súa instauración definitiva.
Comeza o século XIX con aires renovadores. En 1807 promúlgase o Plan Xeral de Universidades, coñecido como Plan Caballero, por ser José Antonio Caballero, ministro de Graza e Xustiza, o seu impulsor. Este plan pretendía unha maior uniformidade no ensino de todas as universidades españolas desbotando algunhas ensinanzas anacrónicas. En Santiago de Compostela o Plan Caballero provocou acaloradas discusións entre quen o rexeitaba, como Teoloxía e Leis, e quen o apoiaba, como Artes. Finalmente a universidade acatou o plan, mais non tivo tempo de aplicalo inmediatamente por mor da invasión francesa.
A guerra da Independencia tivo unha fonda repercusión na vida universitaria. En 1808 a Universidade de Santiago quedou practicamente baleira de estudantes que se incorporaron ao Batallón Literario. Aínda así non se suspenderon as clases que continuaron até xaneiro de 1809, cando entran os franceses na cidade e ocupan as dependencias universitarias, o que provoca o peche da universidade. Os órganos de goberno continúan reuníndose noutras dependencias pero cando en xuño de 1809 son expulsados os franceses, non foi posible retomar a vida académica, non só porque a maioría dos estudantes estaban na fronte, senón tamén pola ruinosa situación en que quedaran as dependencias universitarias. Cando en 1810 estaba todo preparado para a reapertura, unha lei promulgada polo Consello Supremo de Rexencia suspendía o ensino de todas as materias que non tiveran por obxecto a guerra e calquera inmediata relación con ela. Ademais en Santiago correuse o rumor de que o goberno quería pechar definitivamente a Universidade de Santiago por acusala inxustamente de afrancesada. Foi necesario enviar a Cádiz, onde estaban as Cortes e o Consello Supremo de Rexencia, ao catedrático e encargado da biblioteca universitaria, Joaquín Patiño, quen foi informado de non teren fundamento os rumores de peche, conseguindo que se reabrise a universidade en 1811.
Aproveitando a restauración do absolutismo por Fernando VII, os sectores conservadores da universidade fixeron presión sobre o claustro para solicitar ao monarca a volta ao plan de 1772, que o rei concede o 14 de setembro de 1818.
Durante o Trienio liberal promulgouse un novo Regulamento Xeral de Instrución Pública en 1821, que apenas entrou en vigor. Nel recollíanse os catro dogmas liberais: uniformidade, gratuidade, liberdade e publicidade.
A volta ao conservadorismo veu co Plan Calomarde de 1824, chamado así por Tadeo Calomarde, o ministro de Graza e Xustiza que o sancionou; aínda que o principal redactor foi o freire mercedario galego Manuel Martínez Ferro. O Plan Calomarde caracterizábase polo seu centralismo, o control ideolóxico e político, a defensa da ortodoxia, e a tutela represora sobre alumnado e profesorado. En Compostela foi acatado sen discusión, sendo dunha gran pobreza intelectual os informes redactados, que contrastan chamativamente cos redactados para o plan de 1807. Isto non é de estrañar dada a depuración que se fixo na universidade despois da fin do Trienio liberal.
A universidade compostelá volve a ser pechada de novo o 15 de outubro de 1830 mediante un simple oficio firmado polo propio Calomarde. A universidade galega non foi a única en ser pechada sen explicacións; o motivo máis probable foi o receo de Fernando VII a un rexurdir liberal. Cando toma o poder a raíña María Cristina por enfermidade de Fernando VII, unha das primeiras medidas que toma é a reapertura das universidades pechadas, que fai por decreto o 7 de outubro de 1832.
Os plans de estudos vanse sucedendo sen case dar tempo de aplicalos, así fanse plans de estudos nos anos 1836, 1845, 1847 e 1850, amais dalgunhas reformas parciais. Chégase así á promulgación en 1857 da Lei Moyano, do entón ministro de Fomento, Claudio Moyano. Esta lei estableceu a estrutura do sistema educativo español, baseado nos conceptos da nación española, a monarquía e a igrexa católica. Algunhas consecuencias para a universidade de Santiago da aplicación da Ley Moyano foron a reimplantación da Facultade de Filosofía e Letras e a definitiva separación destes estudos dos científicos coa creación da Facultade de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
Na segunda metade do século prodúcese o Rexurdimento da cultura galega. A universidade galega é un dos focos deste movemento, persoeiros como Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón, Manuel Murguía ou Valentín Lamas Carvajal estudaron en Compostela.
A partir de 1877 e durante máis de 30 anos, a universidade de Santiago tivo un representante no Senado de España. Cinco foron os senadores da universidade: Juan José Viñas (non chegou a tomar posesión), José Montero Ríos, Maximino Teijeiro Fernández, Francisco Romero Blanco e Eduardo Hinojosa.
Nos primeiros anos do século XX a universidade conta coa presenza nas súas aulas de figuras senlleiras do galeguismo, sendo testemuña da consolidación do rexurdimento cultural de Galiza iniciado o século anterior. Así mesmo experimenta un pulo notable a ciencia, coa chegada a Compostela das novas correntes de pensamento científico.
O número de carreiras e de estudantes increméntase significativamente. Tamén ten lugar no ano 1913 a incorporación da muller aos estudos universitarios, sendo as pioneiras en Galiza Elisa e Jimena Fernández de la Vega, que obtiveron o premio extraordinario de medicina no ano 1919.
A vida estudantil na Compostela da época é recreada por Alejandro Pérez Lugín na súa coñecida obra La casa de la Troya, publicada en 1915.
O incremento de carreiras e estudantes fai necesaria unha maior dotación de infraestruturas. Así, constrúense os edificios do Colexio de Veterinaria (actual Parlamento de Galiza), do Colexio de Xordomudos (sede actual da Xunta de Galiza), e da Facultade de Medicina; tamén se amplía o edificio da universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia). Na década de 1930 acométese o proxecto da Residencia Universitaria. O fondo bibliográfico da Biblioteca Universitaria vese incrementado notablemente con doazóns importantes como foi a da Biblioteca América.
O século XX tamén é o do comezo das relacións da universidade con outras estranxeiras, inicialmente con universidades portuguesas.
O afán modernizador da universidade compostelá truncouse dun xeito radical coa sublevación do 18 de xullo de 1936 contra o goberno da República. A diferenza doutras cidades galegas onde a resistencia á rebelión estivo na clase obreira, na burguesía liberal, ou nos mandos intermedios da armada e do exército, en Santiago a oposición aos sublevados partiu dos estudantes e profesores universitarios. O triunfo dos sublevados trouxo, xa que logo, o peche da universidade[12] e logo da súa apertura no curso 1939-1940[Cómpre referencia] unha depuración dos estamentos universitarios coa imposición dun novo reitor e de normas doutrinarias como rezar ao comezo e ao remate de cada clase.
Durante a última etapa do franquismo converteuse nun foco de loita contra o réxime, sobre todo a partir de 1966, e máis aínda despois do maio do 68 francés[13]. O ano 1972 foi prolixo en folgas universitarias; nunha delas,no mes de decembro, a represión policial tivo como consecuencia a morte dun estudante[14].
En 1995, co gallo do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela, a universidade organizou unha grande exposición denominada Gallaecia Fulget. O título da exposición provén das palabras que o profesor Álvaro de Cadaval fixo gravar en 1544 no friso do claustro do Colexio de Santiago Alfeo para salientar o brillo que para Galiza significaba a súa Universidade[15]. A exposición constituía un percorrido por tódolos aspectos universitarios deses 500 anos: patrimonio, profesores, estudantes, vida académica, costumes, estudos etc. O grupo Milladoiro foi o encargado de poñerlle música, para o cal compuxeron un álbum co mesmo título ca exposición. A TVG sumouse ao acontecemento coa emisión dun documental de 9 capítulos de 30 minutos cada un, tamén de título Gallaecia Fulget.[16]
Nos primeiros anos do século XXI vivíronse novos episodios de mobilizacións estudantís. O maior deles viviuse entre novembro de 2001 e febreiro de 2002 en contra da Lei Orgánica de Universidades (LOU)[17], aprobada no Congreso dos Deputados o 6 de decembro de 2001. O estudantado valíase das asembleas de facultade, á súa vez organizadas na Coordenadora Galega por Unha Universidade Pública e de Calidade. A cidade foi un dos epicentros do movemento a nivel estatal, destacando especialmente polo carácter lúdico e paródico das actividades[18], que tentaban achegar á cidadanía o carácter privatizador e excluínte da lei[19].
O movemento do "Non á LOU" deu pé á organización asemblearia en posteriores mobilizacións, como contra a marea negra do Prestige ("Nunca Máis", novembro 2002), contra a guerra de Iraq ("Non á guerra", 2004), contra o G-8, contra o Espazo Europeo de Educación Superior ("Plan Boloña") e contra a LOMCE (outono de 2013)[20].
No ano 2009 o Ministerio de Educación escolleu o proxecto Campus Vida da USC para formar parte, xunto con oito máis do estado español, dos Campus de Excelencia Internacional, a contribución española ao Programa Europeo de Excelencia Internacional que en 2010 contaba con proxectos de tan só catro países (Alemaña, España, Francia e o Reino Unido)[21]. En 2012 pretendíase crear outro Campus de Excelencia no Campus de Lugo co nome de Campus Terra, e deter a preocupante redución de estudantes.
Evolución da poboación estudante en Compostela
editarDatos da poboación universitaria de Santiago de Compostela en diversos cursos do século XX[22]:
1900-1901 | 1909-1910 | 1921-1922 | 1931-1932 | 1935-1936 | 1945-1946 | 1955-1956 | 1960-1961 |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1.565 | 1.053 | 1.097 | 2.103 | 2.183 | 2.764 | 3.146 | 3.250 |
En 1900 era a 3ª universidade española con máis alumnado matriculado, cunha poboación de 1.565 estudantes sobre un total de 16.273 no estado.
Nos anos 60 tiña unha media de 3.000 alumnos matriculados. Vinte anos despois a matrícula incrementouse considerablemente chegando ata os 40.000, cifra que se mantivo aproximadamente até o ano 2000, baixando paulatinamente nos anos posteriores.
Administración e organización
editarA Universidade de Santiago de Compostela é unha Universidade Pública financiada polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación da Xunta de Galiza.
Goberno
editarA USC está gobernada por dous corpos: o Consello de Dirección e os Órganos de Goberno Colexiados.
O Consello de Dirección está formado polo:
- Reitor.
- Secretaría Xeral Universitaria.
- Xerencia.
- Comisionado para Ciencias da Saúde.
- Adxunta ao Reitor para Coordinación Interna.
- Vicerreitoría de Investigación e Innovación.
- Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas.
- Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus Lugo.
- Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.
- Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade.
- Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador.
- Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización.
Os Órganos de Goberno son:
Amais destes tres órganos de goberno, cada centro docente ten os seus, presididos polo decano nas facultades e o director nas escolas.
Reitorado
editarO reitor é a máxima autoridade académica e ostenta a representación da institución. Nos primeiros séculos era elixido cada ano o día de san Lucas (18 de outubro) polos membros do claustro, estando establecido que tiñan que elixir a un cóengo ou dignidade do cabido catedralicio de Santiago. Non era un cargo moi disputado pois a maioría das veces os reitores non eran profesores da universidade e a duración do mandato dun ano antollábase curta para adaptarse ás funcións do cargo. Na práctica era o claustro o que gobernaba a universidade.
A partir de 1751, Diego Juan de Ulloa reforma profundamente a universidade de Santiago, conseguindo que o reitor non sexa elixido polo claustro, senón que era designado por El-Rei dunha terna que lle presentaba aquel. Mantense a condición de ser cóengo para ser reitor e amplíase o seu mandato a tres anos.
En 1807 desaparece o privilexio que tiña a igrexa: aínda que un membro do Cabido catedralicio podía ser elixido reitor, xa non era unha condición obrigatoria. Así mesmo, o claustro volve a ser quen o designa e o mandato establécese en dous anos.
Unha nova reforma de 1824 dálle máis poder ao reitor volvéndose á designación real por un período de tres anos. O reitor ven a ser como o representante real na universidade. A pesar do maior poder reitoral, segue a ser un cargo pouco atractivo por estar o claustro moi politizado, dividido en bandos, que facía moi difícil o goberno. Ademais o salario era escaso: en 1825 tiña unha retribución de 800 reais, mentres que un bedel cobraba 5.000 reais[23].
Durante o século XX prodúcense novas reformas na elección do reitor segundo se van sucedendo os distintos réximes políticos. Coa chegada da democracia nas derradeiras décadas do século, establécese a elección por sufraxio universal ponderado entre todos os membros da comunidade educativa. Actualmente o mandato é de catro anos.
Os últimos reitores foron, de 1984 até 1990, o físico Carlos Pajares Vales. Sucedeuno Ramón Villares, reitor entre 1990 e 1994. O lingüista Darío Villanueva foino até o 2002, cando foi substituído por Senén Barro Ameneiro. En maio de 2010 foi elixido como novo reitor Juan Casares Long[24], logo de vencer na segunda volta das eleccións. En abril de 2014 accedeu ao reitorado o matemático Juan Viaño, quen venceu por unha escasa marxe de votos[25]. En abril de 2018 gañou o xurista Antonio López Díaz, quen venceu ao anterior reitor con 3474 votos[26], revalidando o cargo en 2022[27].
- Reitores da USC[28]
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Facultades e escolas
editarA USC ten un total de 23 facultades e 2 escolas técnicas superiores, amais de 3 escolas universitarias adscritas, 5 centros vinculados[4] e varios centros de apoio á docencia e á investigación:
Campus de Santiago
editarCampus Histórico
editar- Facultade de Filosofía
- Facultade de Medicina e Odontoloxía
- Facultade de Xeografía e Historia
- Escola Universitara de Traballo Social
Campus Norte
editar- Facultade de Ciencias da Comunicación
- Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
- Facultade de Enfermaría
- Facultade de Filoloxía
- Facultade de Ciencias da Educación[40]
Campus Sur
editar- Facultade de Relacións Laborais
- Facultade de Bioloxía
- Facultade de Ciencias da Educación (conta con outro edificio no Campus Norte)
- Facultade de Ciencias Políticas e Sociais
- Facultade de Dereito
- Facultade de Farmacia
- Facultade de Física
- Facultade de Matemáticas
- Facultade de Óptica e Optometría
- Facultade de Psicoloxía
- Facultade de Química
- Escola Técnica Superior de Enxeñaría
- Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela (dependente da USC e do Colexio de Avogados de Santiago)
Campus de Lugo
editar- Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
- Facultade de Ciencias.
- Facultade de Formación do Profesorado.
- Facultade de Humanidades.
- Facultade de Veterinaria.
- Escola Politécnica Superior.
- Escola Universitaria de Enfermaría (centro adscrito).
- Escola Universitaria de Relacións Laborais (centro adscrito).
Outros centros vinculados
editar- Centro Superior de Hostalaría de Galiza.
- Escola de Altos Estudos Musicais de Galiza.
- Centro de Estudos Avanzados (CEA) - Casa Europa.
- Centro de Posgrao.
As facultades e escolas mencionadas acollen preto de 80 departamentos, 16 institutos universitarios[41], máis de 60 titulacións e máis dun cento de programas de máster e doutoramento; ao que hai que engadir as residencias universitarias, bibliotecas, instalacións deportivas e culturais etc.
Entidades ligadas
editarInstituto Galego de Física de Altas Enerxías, mantido en conxunto coa Xunta de Galicia.[42]
Servizos
editarPódense distinguir, entre outros:
Servizos de apoio á docencia e a investigación
editar- Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (CITT/OTRI)
- Arquivo Histórico Universitario
- Biblioteca Universitaria (BUSC)
- Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC
- Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica (CITT)
- Centro de Linguas Modernas (CLM)
- Centro de Tecnoloxías para a aprendizaxe (CeTA)
- Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)
- Estación Científica do Courel
- Estación de Bioloxía Mariña da Graña
- Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"
- Herbario SANT
- Hospital Clínico Veterinario Rof Codina
- Laboratorio de Caracterización Enerxética e Meteorolóxica (LACEM)
- Museo de Historia Natural
- Observatorio Astronómico "Ramón Mª Aller"
- Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT)
- Rede de Aulas de Informática
- Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT)
- Resonancia Magnética
- Raios X
- Microscopía Electrónica e Confocal
- Espectrometría de Masas e Proteómica
- Análise Elemental
- IR-RAMAN
- Magnetosusceptibilidade
- Crioxenia
- Apoio Analítico
- Experimentación Animal
- Arqueometría
- Soprado de Vidro e Cuarzo
- Secuenciación e Xenómica Funcional
- Avaliación de Actividades Farmacolóxicas de Compostos Químicos
- Sistemas de Información Territorial (SIT)
- Laboratorio de Radiofísica
- Enxeñería da Madeira Estrutural
- Área de Radioisótopos e Protección Radiolóxica
- Servizo de Medios Audiovisuais (SERVIMAV)
- Servizo de Publicacións e Intercambio Científico
- Servizo de Tradución
- Servizo Técnico de Instrumentación Científica
- Unidade de tabaquismo e trastornos aditivos
Servizos á comunidade universitaria
editar- Área de Cultura
- Coro Universitario
- Orquestra de Espazo de Cámara
- Espazo de Danza Universitario EDU
- Grupo de Creación Sonora (Lugo)
- Aula de Teatro
- Canal Campus - LAB
- Área de Orientación Laboral e Emprego
- Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (ATIC)
- Cafetarías e Comedores
- Casa Europa
- Centro de Estudos Avanzados (CEA)
- Escola Infantil "Breogán"
- Fonoteca
- Imprenta Universitaria
- Oficina de Desenvolvemento Sostible
- Oficina de Igualdade de Xénero
- Oficina de Información Universitaria (OIU)
- Parque Móbil
- Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”
- Servizo de Correos
- Servizo de Deportes
- Servizo de Normalización Lingüística
- Servizo de Optometría
- Servizo de Participación e Integración Universitaria
- Servizo de Prevención de Riscos
- Servizo de Relacións Exteriores (SRE)
- Servizo Universitario de Residencias (SUR)
- Valedor da Comunidade Universitaria
A Biblioteca Xeral
editarA Biblioteca Xeral da Universidade sitúase no Colexio de Santiago Alfeo, popularmente coñecido como Colexio de Fonseca. Nel, entre outros, custodiase o libro máis antigo de Compostela, o Libro de Horas de Fernando I de León, que data do ano 1055.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes da Universidade de Santiago de Compostela.
-
Interior do Colexio de Fonseca.
-
Campus universitario, aprox. 1960.
-
Facultade de Farmacia.
-
Facultade de Dereito.
-
Facultade de Filoloxía.
-
Casa da Estrela, Estación de Bioloxía Mariña da Graña.
-
Casa do Horreo, Estación de Bioloxía Mariña da Graña.
-
Facultade de Xornalismo.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Nº de estudantes matriculados na USC no curso 2011-12 a data 21/03/2012 Arquivado 21/10/2012, en Wayback Machine. (Datos da propia USC)
- ↑ Precedencia de las universidades españolas Arquivado 23 de novembro de 2012 en Wayback Machine. en protocolo.org (en castelán)
- ↑ Fundación de las universidades españolas actuales na web da Universidade de Sevilla. (en castelán)
- ↑ 4,0 4,1 Relación de Centros da USC
- ↑ Datos provisionais a 21/03/2012
- ↑ USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. pp. 102–104. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 10 de decembro de 2012.
- ↑ USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. p. 54. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 10 de decembro de 2012.
- ↑ USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. p. 100. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 10 de decembro de 2012.
- ↑ Bermejo, Xosé Carlos; M.C. Pallares, X.M. Pérez, E. Portela, X.M. Vázquez, R. Villares (1980). Alhambra, ed. Historia de Galiza. Madrid. pp. 206–207. ISBN 84-205-0758-X.
- ↑ Barreiro Fernández, Xosé Ramón (coordinador) (2003). USC, ed. Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (volumen 2): El siglo XIX. Santiago de Compostela. pp. 21–23, 29–44, 48–52, 83–86, 333–335, 521–526. ISBN 84-9750-269-8. Consultado o 6 de decembro de 2012. (en castelán)
- ↑ Historia da USC
- ↑ Pintor Barral, Xoana (2016). "As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960". Universidade de Santiago de Compostela. p. 155.
- ↑ Gurriarán Rodríguez, R. (coord.): 1968, do "gaudeamus igitur" ao "venceremos nós". Fundación 10 de marzo, 2008.
- ↑ Morais, C.: Crónica de Fonseca. Editorial Laiovento, 1996.
- ↑ USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. p. 17. ISBN 84-8121-304-7. Consultado o 8 de decembro de 2012.
- ↑ "USC TV - Gallaecia Fulget". tv.usc.es. Consultado o 2021-05-19.
- ↑ "O conflito máis longo" Arquivado 27 de outubro de 2014 en Wayback Machine., La Voz de Galicia.
- ↑ Ramos Martínez, I. J.: "La protesta estudiantil en Galicia contra la Ley Orgánica de Universidades" Arquivado 30 de xuño de 2007 en Wayback Machine., en Athenea Digital: revista de pensamiento e investigación social nº 10. Barcelona, 2006. Pax. 1-15. ISBN 978-84-206-8496-3 (en castelán).
- ↑ Llusia, M.: "El movimiento estudiantil gallego: asambleario, masivo y abierto a la sociedad", en Página abierta nº 121. Decembro 2001 - xaneiro 2002. (en castelán).
- ↑ "Peches na USC contra a Lomce" Arquivado 23 de outubro de 2013 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 21 de outubro de 2013.
- ↑ "Proxecto Campus Vida da USC" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de outubro de 2014. Consultado o 07 de decembro de 2012.
- ↑ González Calleja, E.: Rebelión en las aulas. Alianza Editorial, 2009. Pax. 263. ISBN 978-84-206-8496-3 (en castelán).
- ↑ Barreiro 2003, pp. 195-198 (vol II)
- ↑ "Casares Long será o reitor da Universidade de Santiago"". Vieiros. 24/05/2010. Consultado o 7 de maio de 2014.
- ↑ praza.com, ed. (26/04/2014). "Juan Viaño, novo reitor da USC tras unha axustada votación". Consultado o 28 de abril de 2014.
- ↑ "Antonio López e Manuel Reigosa, novos reitores das universidades de Santiago e Vigo".
- ↑ Europa Press, ed. (23 de febreiro de 2022). "Antonio López continuará como rector de la USC hasta 2026 tras unas elecciones con bajada de la participación del 6%" (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022.
- ↑ Cabeza de León 1946, Vol I, pp.166-196
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Gallaecia Fulget 1995, p. 100
- ↑ Fora designado Gómez Vázquez de Neira, quen renunciou por enfermidade.
- ↑ Barreiro 2003, vol I
- ↑ Desde 1772 o vicerreitor, Miguel Antonio de Montes y Piñeiro, exerceu as funcións de reitor por ser nomeado Ferragudo bispo de Lleida.
- ↑ Barreiro 2003, vol II
- ↑ 34,0 34,1 BOE (ed.). "Buscador do BOE" (en castelán).
- ↑ Durante o seu mandato exerceu o cargo interinamente o decano presidente, Vales Vaamonde, pois Ramón Rey presentara renuncia e non había consenso sobre se se debía aceptarse ou non.
- ↑ En 1811 fora elixido Andrés Gil Villaverde, quen renuncia sen chegar a tomar posesión. Gonzalo Becerra tomou posesión en marzo de 1812.
- ↑ Cesou en decembro de 1897, o seu sucesor foi nomeado en xullo de 1898.
- ↑ Xubílase en decembro de 1919. O seu sucesor foi nomeado en xaneiro de 1920.
- ↑ Faleceu en accidente de tráfico en decembro de 1933. O seu sucesor foi nomeado en febreiro de 1934.
- ↑ "Presentación - Facultade de Ciencias da Educación - USC". www.usc.es. Consultado o 2018-06-20.
- ↑ "Estrutura da USC". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2012. Consultado o 7 de decembro de 2012.
- ↑ Caamaño, M; Chobanova, V.; Cid Vidal, X.; Edelstein, J. (Outubro-decembro 2018). "Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)". Revista Española de Física 32 (4): 50–56. ISSN 0213-862X.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Barreiro Fernández, Xosé Ramón, ed. (2003). Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (2 tomos) (en castelán). Santiago de Compostela: USC. ISBN 84-8121-681-X.
- Cabeza de León, Salvador (1946). Fernández-Villamil Alegre, Enrique, ed. Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (3 tomos) (en castelán). Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (Consejo Superior de Investigaciones Científicas).
- Costa Rico, Antón (1999). "1526: A fundación da Universidade de Santiago". Cuadernos de Estudios Gallegos (IEGPS-CSIC) 46 (111): 31–55. ISSN 0210-847X.
- USC, ed. (1995). Gallaecia Fulget: cinco séculos de historia universitaria. Catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-304-7.
- Vila Jato, María Dolores, ed. (1996). El Patrimonio histórico de la Universidad de Santiago de Compostela (en castelán). Santiago de Compostela: USC. ISBN 84-8121-438-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Universidade de Santiago de Compostela |