Buster Keaton
Joseph Francis "Buster" Keaton, nado en Piqua, Kansas, o 4 de outubro de 1895 e finado en Woodland Hills, California, o 1 de febreiro de 1966, foi un actor e director estadounidense de cine mudo cómico.
Caracterizouse principalmente polo seu humor físico mentres mantiña un rostro inexpresivo en todo momento, co cal se gañou o seu alcuño, "Cara de pau". Do mesmo xeito que moitos dos seus contemporáneos, Keaton proviña do vaudeville.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu o mesmo ano en que foi inventado o cine. Keaton foi criado no mundo do vaudeville e recibiu o alcume de Buster que el declarou en varias entrevistas que lle dera Harry Houdini pero probablemente foi seu pai [1]. Comezou a participar con nove meses ocasionalmente nos espectáculos que sen moito éxito realizaban os seus pais pero en outubro de 1900 o seu pai incorporou ao neno que tiña cinco anos ao seu novo espectáculo The Man With The Table mentres actuaba en Delaware[2]. O espectáculo, de cariz acrobático, era bastante impresionante, xa que Keaton fillo era lanzado desde un lado a outro do escenario e pisoteado, foi un éxito e logo dunha breve xira polo medio oeste, fixeron o debut en Nova York o 11 de marzo de 1901 a familia fíxose coñecida utilizando o nome de The Three Keatons, sempre co rapaz como a principal atracción do espectáculo [3].
O cine
[editar | editar a fonte]En 1917 deixou o espectáculo de seus pais e marcha a Nova York, actuando na produción teatral The Passing Show of 1917, e de seguido uniuse á unidade de cineastas de Fatty Arbuckle tras rodar unha escena para The Butcher Boy (1917).[4] O talento natural de Keaton para a comedia física chamou a atención de Arbuckle, quen pronto o puxo a coprotagonizar as súas películas. Buster rexeitou unha oferta do Winter Garden Theatre, que lle ofrecía 250 dólares á semana, por traballar en películas por 40 dólares cada unha. Keaton e Arbuckle fixéronse entón amigos inseparables. A súa primeira película foi Fatty asasino (The Butcher Boy, 1917), e a partir de aí, Keaton empezaríase a interesar cada vez máis polos aspectos técnicos do cine. Segundo el mesmo, para pescudar como funcionaba unha cámara de cine, esnaquizouna en mil anacos, e comezou a interesarse por tipos de película, obxectivos, proxección e outros aspectos da cinematografía.
Tras cinco películas máis con Fatty, trasladáronse con todo o equipo a California, e foi alí onde coñeceu unha das famosas irmás Talmadge, Natalia, con quen casaría pouco tempo despois. Volveu casar outras dúas veces, con Mae Scribbens no ano 1933 e con Eleanor Harris en 1940.
As longametraxes
[editar | editar a fonte]No ano 1918, foi chamado a filas para a primeira guerra mundial, e estivo sete meses en Francia facendo espectáculos para as tropas. Alí, foi cando, debido a unha infección nos oídos, quedou practicamente xordo para o resto da súa vida.
Cando volveu aos Estados Unidos, Fatty estaba preparando a súa primeira longametraxe e Joseph Schenck ofreceulle a seu produtora para realizar as súas propias películas como protagonista. Paradoxalmente, naquela época foi cando Fatty deixou practicamente de facer cine, entre outras cousas polo escándalo que se produciu, no ano 1921, cando foi acusado da violación e morte da actriz Virginia Rappe.
O éxito
[editar | editar a fonte]Entre os anos 1921 e 1923, Keaton rodou unha longametraxe, The Saphead, e 19 curtas. Cando cambiou de produtor, rodou, entre os anos 1923 e 1928 outras 10 longametraxes.
Durante esta época, tivo absoluto control de todas as súas películas, aínda que pedise as cousas máis estrañas para rodalas, como unha antiga locomotora ou un transatlántico, aínda que el persoalmente non tivo nin unha acción da produtora que permitía facer todas estas películas. Despois, non volvería controlar o aspecto creativo das súas propias películas.
Buster Keaton comezou a protagonizar unha serie de comedias que o catapultaron á fama, incluíndo One Week, Cops , The Playhouse e The Electric House. Alcanzou o cumio da súa creatividade durante os anos 1920. O seu éxito inicial fíxoo un dos comediantes máis famosos do mundo. A súa popularidade foi opacada soamente polo arrollador éxito de Harold Lloyd e Charlie Chaplin, aínda que mantivo unha relación cordial con ambos do mesmo xeito que con algúns dos actores máis famosos da época, como Douglas Fairbanks ou Rodolfo Valentino.
Cara de pau
[editar | editar a fonte]Foi nesta época cando modelou o seu personaxe, un mozo traxicómico, que se enfronta ás desgrazas cunha absoluta inexpresividade, que fixo que lle bautizasen como "cara de pau". Para darlle expresión ao seu personaxe, utilizaba as acrobacias, para as que non usaba ningún dobre nin especialista. Todas as proezas que realizou en The General, ou en Steamboat Bill Jr., son súas. En The Paleface, chegou a saltar desde unha altura de 24 metros, e na película O moderno Sherlock Holmes, rompeu o pescozo nunha escena de risco.
As súas mellores películas
[editar | editar a fonte]As súas películas máis famosas e populares desta primeira época, son as consideradas como as mellores de toda a súa carreira, e inclúen Our Hospitality (1923), The Navigator (1924), Steamboat Bill Jr. (1928), The General (1927), Sherlock Jr. (1924) ou Seven Chances (1925)
O maquinista da Xeral
[editar | editar a fonte]Nunha ocasión, dixéronlle a Keaton que esta película reflectía mellor a Guerra de Secesión norteamericana que Foise co vento, ao que el respondeu que "mentres uns recorren ás novelas para atopar argumentos, outros recorren á historia". Estaba baseada nun feito "real" autobiográfico do novelista William Pittenger, que trataba sobre o secuestro dun tren Confederado por parte de soldados da Unión. O que fixo Keaton foi cambiar o punto de vista, xa que o protagonista é un soldado sureño, considerados os "malos" para o gran público de Hollywood. Ao longo de toda a película, non dá a sensación de ser un vehículo para os gags, como pasa en moitas películas da época, senón que todo está perfectamente ensamblado. Foi rodada nos bosques de Oregón, e ao poñer en marcha as locomotoras con leña, provocaron un incendio forestal durante a rodaxe. Foi todo un fito en efectos especiais a escena en que a locomotora cae desde unha ponte por un barranco. A película resulta unha reivindicación do que é capaz de facer un home só, pequeno, e en aparencia débil, por recuperar as dúas cousas que máis desexa neste mundo, a súa locomotora, e a muller á que ama.
O maquinista da Xeral considerada hoxe día como unha obra mestra, pero no momento da súa estrea foi un fracaso comercial e de crítica [5].
O esquecemento
[editar | editar a fonte]A unidade de produción de Keaton foi adquirida por MGM en 1928, unha decisión de negocios que Keaton lamentaría por sempre. Obrigárono a realizar unha serie de películas xunto a Jimmy Durante, que tiveron éxito, pero que el desprezaba por consideralas de moi baixa calidade. Tras ser forzado a entrar no sistema de estudo, ao cal nunca se adaptou, Keaton caeu no alcolismo. A súa carreira derrubouse nuns poucos anos e pasou gran parte da década de 1930 oculto, traballando como escritor de gags para varias películas da MGM, particularmente aquelas dos Irmáns Marx -incluíndo Unha noite na ópera (1935) e At the Circus (1939)- e varias películas de Red Skelton.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]As películas Sunset Boulevard (1950), de Billy Wilder, cun pequenísimo papel no que facía de antiga gloria do cine, e Limelight, (1952), de Chaplin, fixeron que o gran público volvese fixarse outra vez nel. Posteriormente, dedicouse a facer anuncios de televisión, espectáculos en directo, que fixo que a xente se interesase nas antigas películas, na súa maioría obras mestras, que foran practicamente ignoradas cando se estrearon.
A súa última aparición en público, foi, no ano 1965, no Festival de Venecia, cando presentou a que sería a súa última película, a curta Film, de Alan Schneider. Nesta ocasión, por primeira vez na súa vida, protagonizou un drama. Foi ovacionado polo público. Cinco meses despois, aos 70 anos, falecía na súa casa dos Ánxeles.
Outra presentación memorable nunha película é cando comparte roles con Cantinflas na película "A volta ao mundo en oitenta días", onde fai o papel do xefe do tren (en clara homenaxe á súa lembrada película).
Filmografía
[editar | editar a fonte]- One Week (1920)
- The Playhouse (1921)
- Cops (1922)
- The Electric House (1922)
- Our Hospitality (1923)
- The Navigator (1924)
- Sherlock Jr. (1924)
- Go West (1925)
- O maquinista da General[6] (The General) (1926)
- O colexial (College) (1927)
- The Cameraman (1928)
- Steamboat Bill Jr. (1928)
- The Railrodder, tamén coñecida como The Railroader, dirixida por Gerald Potterton en 1965. Acompaña a The General nunha versión recente realizada en DVD.
- A volta ao mundo en oitenta días (1956)
- "Once upon a Time" Episodio 78 de (The Twilight Zone) (1961)
- A Funny Thing Happened on the Way to the Forum (Dir. Richard Lester) (1966)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kevin Sweeney (2007) Buster Keaton: Interviews.Univ. Press of Mississippi, páx. xxvii
- ↑ Edward McPherson (2011) Buster Keaton: Tempest in a Flat Hat. Faber & Faber, páx. 6
- ↑ Robert Knopf (1999) The Theater and Cinema of Buster Keaton Princeton University Press, páx. 19
- ↑ James L. Neibaur e Terri Niemi (2013) Buster Keaton's Silent Shorts: 1920-1923Rowman & Littlefield, pax. x
- ↑ James L. Neibaur (2010) The Fall of Buster Keaton: His Films for MGM, Educational Pictures, and Columbia. Scarecrow Press, páx. x
- ↑ Título da estrea en galego o 22 de xaneiro de 2013[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Cine |
A Galipedia ten un portal sobre: Estados Unidos de América |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Buster Keaton |