Saltar ao contido

Ciro II

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ciro o Grande»)

Modelo:BiografíaCiro II

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(peo) 𐎤𐎢𐎽𐎢𐏁 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 600 a. C. Editar o valor en Wikidata
Anshan, Persia, Irán Editar o valor en Wikidata
Morte530 a. C. Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Río Sir Daria Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorto en combate Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTumba de Ciro Editar o valor en Wikidata
Gran Rei
559 a. C. – 530 a. C.
← Cambises ICambises II →
Rei de Reis
559 a. C. – 530 a. C.
← Cambises ICambises II → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónZoroastrismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca, fundador, líder militar, monarca Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei dos medos
Rei do Universo
Gran Rei
Rei de Sumeria e Acad
Rei de Reis
Rei dos Catro Recunchos do Mundo Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía aqueménida Editar o valor en Wikidata
CónxuxeCassandana
Amitis Shahbanu
Nitetis Editar o valor en Wikidata
FillosEsmerdis
 () Cassandana
Roxane
 ()
Atossa
 () Cassandana
Cambises II
 () Cassandana
Artistona
 () Cassandana Editar o valor en Wikidata
PaisCambises I Editar o valor en Wikidata  e Mandane de Media Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron
Enciclopedia militar Sytin
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Editar o valor en Wikidata
BNE: XX916985 Find a Grave: 12077 Editar o valor en Wikidata

Ciro II o Grande (antigo persa Kurash, persa moderno کوروش بُزُرگ Kurosh-e Bozorg), nado c. 600 a.C. e finado no 530 a.C.,[1] foi o rei iniciador da dinastía aqueménida de Persia e fundador do Imperio aqueménida[2] que gobernou desde c. 559 a.C. ata a súa morte no 530 a.C.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Baixo o seu mandato, o imperio abrangueu inicialmente todos os anteriores estados civilizados do Oriente Próximo (Media, Lidia e Babilonia)[2] e expandiunos ampla e eventualmente, conquistando a maioría de Asia suroccidental e gran parte de Asia Central e o Cáucaso. Desde o mar Mediterráneo e o Helesponto no oeste ata o río Indo no leste, Ciro o Grande creou o maior imperio que nunca houbo no mundo ata ese momento.[3] Os seus sucesores ampliaron eventualmente o imperio con partes dos Balcáns (Bulgaria-Panonia) e Tracia-Macedonia no oeste e o val do Indo no leste. A relación completa dos seus títulos rexios era: Rei de Reis, Rei de Persia, Rei de Ashan, Rei dos medos, Rei de Babilonia, Rei de Sumeria e Acad, e "Rei dos Catro Recunchos do Mundo".[4] O reinado de Ciro o Grande durou entre 29 e 31 anos, e o imperio por el fundado mantivo a súa existencia durante máis de douscentos anos, ata a súa conquista final por Alexandre Magno (-332).

Inscrición nunha columna en Pasargadas que di "Son Ciro o rei, un aqueménida.", gravada nos idiomas persa antigo, elamita e acadio.

Ciro é a forma latinizada e galeguizada do grego Κύρος (Kuros), que á súa vez deriva do persa antigo Kurash (ás veces transcrito como Kurush, Koroush, Khorvash etc) .O nome e o seu significado aparecen gravados en inscricións antigas en diferentes linguas. Sobre a súa etimoloxía, os autores clásicos Ctesias e Plutarco indicaban que Ciro era chamado Kuros, o "Sol", un concepto que foi interpretado co significado de "coma o Sol" (Khurvash), facendo notar a súa relación co nome persa para o sol, khor, usando vash coma un sufixo que indica semellanza. Os autores modernos, polo xeral, prefiren "novo" ou "o que humilla ao seu inimigo nunha disputa verbal". O epíteto "o Grande" é utilizado polas fontes gregas, que tamén o chaman "o Vello" (ou "o Maior"), en contraposición ao posterior Ciro o Novo. Posibelmente deriva do título de "vazraka" ("grande"), utilizado polos soberanos persas a partir de Ciro ("Xshayathiya vazraka", "gran rei").

Conquistas de Ciro.
Pasargadas: a tumba de Ciro.

Ciro era fillo de Cambises I de Anshan, da dinastía aqueménida, e, segundo Heródoto, de Mandane, filla do rei medo Astiaxes e de Aryenis, princesa do reino de Lidia. Isto proporciónalle certa lexitimidade sobre os tronos de Media e Lidia, polo que se pode tomar como un invento da propaganda oficial; no entanto, as alianzas dinásticas eran usuais. Os antecesores de Ciro lideraban os grupos persas establecidos na zona montañosa do leste do antigo reino de Elam (suroeste do actual Irán) desde principios do século -VII, baixo Aquemenes, lendario fundador da dinastía Aqueménida. Ostentaban o título de "rei de Anshan", cidade de forte tradición elamita, e desde o século -VI eran vasalos do reino de Media. A residencia real de Ciro situábase en Pasargadas, preto de Anshan; non obstante é probábel que xa se utilizase Susa, outro antigo centro urbano do suroeste de Elam, como capital alternativa.

O avó de Ciro II, Ciro I de Anshan, podería ser identificado co Ciro de Parsumas mencionado polo rei asirio Asurbanipal cara ao -647. Isto situaría a data de nacemento de Ciro preto do -600, o que coincide cos escritos do historiador grego Dinón (citado por Cicerón en De Divinatione). En caso contrario, preferiríanse datas máis tardías, ao redor do ano -580.Certas inscricións achadas en Ecbatana (Media, ao norte de Irán) indicarían que Ariaramnes e Arsames, membros dunha casa colateral da dinastía, reinarían en correxencia de Ciro I e Cambises I.[5] No entanto, por razóns de estilo e de contexto histórico, polo xeral son consideradas falsificacións, ou ben obra do posterior do rei Darío I (neto de Arsames e bisneto de Ariaramnes), ou ben modernas.

Expansión

[editar | editar a fonte]

Conquista de Media

[editar | editar a fonte]

Cara ao -559, Ciro II sucedeu ao seu pai Cambises I. Segundo Heródoto, Ciro rebelouse contra o soberano medo Astiaxes, a quen logrou depoñer logo de recibir o apoio de Harpago, comandante do exército medo. Fontes contemporáneas din, corroborando a Heródoto, que no ano -550 (Crónica de Nabónido, ou Crónica de Babilonia Nº 7[6]), ou -553 (Cilindro de Sippar), Astiaxes atacou a Ciro, pero foi entregado ao rei persa polas súas propias tropas. Ciro tomou entón Ecbatana, a capital de Media, e trasladou o seu tesouro a Persia.

É notábel a frecuencia coa que Heródoto menciona xenerais de orixe meda nas campañas de Ciro, entre eles Harpago. Ecbatana transformaríase en residencia de verán dos soberanos persas. No entanto, pódense atopar recensións anti-persas nas tradicións, probabelmente de orixe meda, recollidas polo historiador grego Ctesias, e na inscrición de Behistún, que describe rebelións en Media cara ao -521, uns oito anos logo da morte de Ciro.

Conquista de Lidia

[editar | editar a fonte]
Vaso grego que representa ó rey lidio Creso, a piques de ser incinerado nunha pira por orde de Ciro.

A fronteira occidental da área de influencia meda era o río Halys (Anatolia, actual Turquía), que a separaba do reino de Lidia. Creso, rei de Lidia, era cuñado do deposto Astiaxes, existindo xa que logo unha alianza matrimonial entre os dous reinos. Segundo Heródoto, consultou ao oráculo de Delfos sobre a conveniencia de atacar os persas, e este respondeulle que se o facía, destruiría un grande imperio. Entón, Creso cruzou o río Halys e enfrontouse con Ciro en Pteria, non lográndose unha vitoria definitiva para ningún dos dous bandos. Creso retirouse para pasar as estacións frías e esperar reforzos do seu aliado Amasis II de Exipto e da cidade grega de Esparta, pero foi perseguido polos persas ata a súa capital, Sardes, e sitiado. Sardes caeu e, a piques de ser queimado na fogueira, a vida de Creso foi perdoada por Ciro. O grande imperio destruído terminaba sendo, entón, o seu propio.

Isto é o que narra o relato de Heródoto, que convén tomar con cautela. En cambio a Crónica de Nabónido infórmanos que no verán do -547, Ciro "conquistou o país de Li[...]" e matou o seu rei. Os símbolos cuneiformes que representan o reino conquistado parecen poder interpretarse como "Lidia". O problema está en que contradí amplamente a Heródoto: na estación da conquista de Sardes e na morte de Creso.[7]

Os primeiros anos da conquista persa de Lidia foron algo tumultosos. Pacties, lidio encargado do tesouro de Sardes, liderou unha rebelión que chegou a asediar Sardes. Esta foi reprimida polo sátrapa Mazares, quen morreu ao pouco tempo. O seu sucesor Harpago dirixiu a conquista das cidades gregas de Asia Menor.

Conquista de Babilonia

[editar | editar a fonte]

O rei de Babilonia era naquel momento Nabónido, que pasara boa parte do seu reinado no oasis árabe de Tema, pero regresara a Babilonia probabelmente a raíz da ameaza de Ciro. As campañas contra Babilonia parecen comezar a finais da década de -540. O primeiro feito preciso do que se ten noticia é a vitoria de Ciro sobre os babilonios na batalla de Opis, no outono de -539. Sippar rendeuse, e Gobrias, gobernador persa de Gutium, entrou sen batalla en Babilonia o 12 de outubro do -539, chegando Ciro varios días máis tarde. A idea de conquista non violenta é presentada pola Crónica de Nabónido e o Cilindro de Ciro, no entanto, documentos administrativos indican reparacións nas fortificacións de Babilonia meses despois da súa conquista.[8] Gobrias foi designado como gobernador de Babilonia, e nomeáronse subgobernadores nas provincias menores.

Para a conquista de Babilonia, Ciro tivo o substancial apoio do sacerdocio babilonio, que estaba enfrontado con Nabónido por mor das súas reformas relixiosas. Á súa vez, a chegada de Ciro é celebrada pola comunidade xudía de Babilonia (Isaías 40-56).

Ruínas da cidade de Babilonia.

As provincias orientais

[editar | editar a fonte]
Estandarte de Ciro.

Existe un problema sobre cando foron conquistadas as provincias orientais do Imperio, que corresponden aos actuais Afganistán, Taxiquistán, Uzbekistán e Turkmenistán. Eran habitadas por sogdianos, bactrianos e arios, pobos de orixe irania indoeuropea e emparentados estreitamente con medos e persas. Son mencionadas como satrapías (provincias) persas no ano -521 (inscrición de Behistún), polo que necesariamente formaban parte do Imperio de Ciro (o seu sucesor Cambises II non puido conquistalas xa que as súas campañas concentráronse en Exipto). Ciro puido telas herdado do reino medo, ou telas conquistado trala anexión de Lidia, segundo se pode supoñer dos historiadores gregos Heródoto e Ctesias.

Siria e Palestina

[editar | editar a fonte]

A área de Siria e Palestina, que formaba parte do Imperio Neobabilónico, foi subxugada pacificamente. Ciro permitiu o regreso a Palestina das comunidades xudías deportadas en Babilonia (Esdras), así como, segundo datos arqueolóxicos, de grupos de deportados arameos á súa terra de orixe en Siria.

As cidades fenicias non ofreceron resistencia, e estableceuse unha especie de protectorado persa nelas.

Campañas posteriores e morte

[editar | editar a fonte]

Cara ao -529, Ciro emprendeu unha campaña contra os nómades escitas do nordeste do imperio, concretamente a tribo dos masaxetas, deixando ao seu fillo Cambises como herdeiro co título de rei de Babilonia. Segundo informes posteriores (Arriano, Anábase) fundou unha cidade preto do Sir Darya, Cirópolis ou Kurushkatha. En todo caso, foi superado e morto polos escitas. Foi sucedido polo seu fillo Cambises II.

O cilindro de Ciro

[editar | editar a fonte]
O Cilindro de Ciro.
Artigo principal: Cilindro de Ciro.

Despois da conquista, Ciro fixo unha declaración que se escribiu en acadio cuneiforme nunha xerra de arxila coñecida como o cilindro de Ciro, na que se fai mención das súas vitorias e actos, e documéntase a súa liñaxe real (a familia dos Aqueménidas). Este cilindro, que se vai depositar nas bases de Esagila (o templo de Marduk en Babilonia) como depósito de fundación despois da conquista persa o 539 aC. foi descuberto en Babilonia o 1879 e está hoxe en día no Museo Británico.[9]

O cilindro tamén incluía un catálogo de medidas políticas: tolerancia relixiosa, abolición da escravitude, liberdade de elección da profesión, e expansión do imperio. O cilindro menciona tamén a submisión dos reis de tendas, que se refire a pobos nómades de Arabia; os reis de palacios refírese a reis de Fenicia e Siria.

Ciro II o Grande e os hebreos

Familia real

[editar | editar a fonte]

Segundo unha das versións presentadas por Heródoto, a esposa principal de Ciro era Casandana, filla de Farnaspes, un membro da familia real Aqueménida. O dato é con toda probabilidade correcto, xa que se ve en parte corroborado pola Crónica de Nabonido, a pesar de que esta non menciona explicitamente de Casandana. A segunda versión, que afirma que a nai de Cambises era unha filla do rei exipcio Amasis, debe ser considerada como un intento de lexitimación da conquista de Exipto por parte de Cambises (527 a. C.). Do mesmo xeito, está descartada a versión de Ctesias, segundo a cal a raíña de Ciro era Amitis, filla do rei medo Astiaxes.

Casandana deu a luz a polo menos dous fillos, Cambises e Esmerdis, e unha filla, Atosa. Outras dúas fillas, Artistona e unha anónima, aparecen tamén no relato de Heródoto, aínda que non se coñece a identidade da súa nai. Tanto Atosa como Artistona foron sucesivamente consortes do seu irmán Cambises II, do usurpador Gaumata e de Darío I; deste último tamén o foi Parmis, a única filla de Esmerdis. Roxana, un consorte de Cambises mencionada por Ctesias, podería así mesmo tratarse dunha filla de Ciro.

O Imperio

[editar | editar a fonte]

Ideoloxía e propaganda imperial

[editar | editar a fonte]

O persa é un imperio universalista. Ademais de "rei de Anshan" (moi usual) e "rei de Persia", Ciro asume os títulos de "rei do Mundo" e de "rei dos catro extremos da Terra", ambos de orixe babilonia, así como "rei de Babilonia" e o arcaizante "rei de Sumer e Acad". Ocasionalmente chámano tamén "rei de Irán" (documentos de Babilonia e Ur), en referencia aos seus súbditos iranios (persas, medos, bactrianos etc.) da parte oriental do Imperio.

Baixorrelevo de Ciro en Pasargadas.

Os inimigos de Ciro son vituperados, no marco dunha campaña propagandística de lexitimación. Astiaxes de Media é descrito en Heródoto (quen bebe de tradicións persas) como un rei cruel e despótico. Ademais, Creso foi quen cruzou o río Halys e atacou a Ciro, este só respondeu á súa agresión. En canto a Babilonia, no "Cilindro de Ciro" e outras fontes sacerdotais, a política relixiosa de Nabónido, así como a propia figura do rei, son ridiculizadas. Aínda así, as tradicións recollidas por Heródoto e Beroso falan de que Ciro outorgou altos cargos políticos tanto a Creso como a Nabónido.

Ciro destaca pola súa política de concesións cara aos pobos sometidos, que en moitos casos fano de bo grado, e aos que non se esixe máis que tributo, recrutamento e aceptación dunha gornición permanente. Rexeita, pois, a deportación masiva practicada polos seus antecesores asirios e babilonios, e ocasionalmente polos seus sucesores persas. Con Ciro o movemento é á inversa: ás comunidades deportadas, como os xudeus, permíteselles regresar á súa terra. O Cilindro de Ciro parece conter elementos como a tolerancia relixiosa ou a abolición da escravitude, polo que foi traducido a todos os idiomas oficiais pola ONU en 1971.

Administración

[editar | editar a fonte]

A principal unidade administrativa do Imperio Persa é a satrapía, gobernada por un sátrapa. Para o cargo de sátrapa prefírense persas ou medos, aínda que durante o reinado de Ciro hai notábeis excepcións, de modo particular en Babilonia. Os persas eran un pobo de pastores seminómades, polo que non é de estrañar que deixasen o puramente administrativo en mans de funcionarios locais, como no caso de Pacties, tesoureiro de Lidia mencionado por Heródoto. Para os asuntos locais dos distritos menores e as cidades, dáse unha ampla autonomía.

Relixión

[editar | editar a fonte]

Así mesmo é moi notábel a tolerancia relixiosa aplicada por Ciro e os seus sucesores. Ciro é máis sincretista que mazdeísta (relixión oficial persa desde Darío I); de feito, non hai probas do mazdeísmo de Ciro, aínda que non se exclúe esta posibilidade. En Babilonia (o "Cilindro de Ciro" e unha fonte sacerdotal sobre Nabónido) é considerado polo sacerdocio como un enviado de Marduk para restablecer a orde tralas reformas relixiosas de Nabónido. O Segundo Isaías da Biblia presenta unha situación similar: Ciro é enviado por Iahvé para permitir o regreso da comunidade xudía de Babilonia á Terra Prometida para reconstruír o seu Templo.

As fontes primarias

[editar | editar a fonte]
  • Textos cuneiformes de orixe babilonia: Son sen dúbida as fontes máis fiábeis, por seren contemporáneas. Entre eles destacan a Crónica de Nabónido,[10] o Cilindro de Ciro [11][12] e o Cilindro de Sippar. Os dous primeiros están escritos desde o punto de vista da clase sacerdotal de Babilonia, favorábel a Ciro. A isto hai que agregarlle o conxunto de documentos legais, relixiosos, económicos etc., datados no reinado de Ciro, que adquiren importancia central ao non seren propagandísticos.
  • As inscricións reais de Ciro achadas en Pasargadas, xunto á súa tumba. Probabelmente son obra en realidade do futuro rei Darío I. Nun baixorrelevo (imaxe á dereita) Ciro é representado con elementos simbólicos elamitas, asirios e exipcios, cando Exipto foi conquistado polo sucesor de Ciro, Cambises II. Ademais, o estilo da linguaxe é claramente posterior.[13][14]

Os autores clásicos

[editar | editar a fonte]
  • Heródoto (Historias): É con moito a fonte grega máis útil sobre Ciro.
  • Ctesias (Pérsica): Dá unha versión alternativa a Heródoto, que se contradí constantemente coas fontes primarias. Só se conservan fragmentos e resumos de Focio[15][16] e Nicolao de Damasco, entre outros.
  • Xenofonte (Ciropedia): Aquí só se usa ao personaxe de Ciro para dar marco a reflexións morais e filosóficas. Presenta a Ciro como o monarca ideal.[17]

Outras breves referencias a Ciro pódense atopar en autores como:

  • No libro de Isaías (capítulos 40-56), o chamado Segundo Isaías (un xudeu de Babilonia que toma o nome do profeta do século -VII) profetiza e celebra a vitoria de Ciro, enviado e unxido por Yahvé.
  • No libro de Esdras (1. 2-4) preséntase unha versión do edicto de Ciro que pon fin ó exilio xudeu en Babilonia.
  • O libro de Daniel posúe varias referencias a Ciro, pero por ser tardío (¿século -II?) e contradicirse coas fontes primarias, é considerado xeralmente como pouco fiábel.
  • O Segundo libro das Crónicas (36. 22-23) presenta outra versión do edicto de Ciro.
  1. 1,0 1,1 Encyclopædia Iranica 1993, vol. VI
  2. 2,0 2,1 Encyclopædia Iranica 1983, vol. I
  3. Kuhrt 1995, p. 647
  4. Ghasemi, Shapour. Iran Chamber Society, ed. "The Cyrus the Great Cylinder". Consultado o 22 de febreiro de 2009. 
  5. "Old Persian Texts". www.avesta.org. Consultado o 2024-01-25. 
  6. Ancient Near Eastern texts relating to the Old Testament. Pritchard, 1969
  7. Algúns autores propuxeron interpretacións alternativas a "Lidia". Véxase Rollinger 2004 na bibliografía.
  8. Tolini, G. (2005): "Quelques éléments concernant la prise de Babylone par Cyrus (octorbe 539 av. J.-C)", en Arta (Achaemenid Research Texts and Archaeology).
  9. H.F. Vos, "Arqueoloxía de Mesopotamia", páx. 267 en A Enciclopedia de Biblia Estándar Internacional, edición. Geoffrey W. Bromiley. Wm. B. Editorial Eerdmans, 1995. ISBN 0-8028-3781-6
  10. Chronicle of Nabonidus Arquivado 08 de decembro de 2016 en Wayback Machine.(en inglés)
  11. Cyrus takes Babylon: the Cyrus Cylinder Arquivado 10 de agosto de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
  12. The Cyrus Cylinder (en inglés)
  13. Pasargadae: Gate "R" Arquivado 03 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. (en inglés)
  14. Pasargadae: Audience Hall ("S") Arquivado 03 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. (en inglés)
  15. Photius' excerpt of Ctesias' Persica (1) Arquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
  16. PHOTIUS. BIBLIOTHECA OR MYRIOBIBLON (en inglés)
  17. Cyropaedia of Xenophon; The Life of Cyrus The Great - See more at: http://www.iranchamber.com/history/xenophon/cyropaedia_xenophon_book1.php#sthash.U7fvE82m.dpuf
  18. Diodorus Siculus, Library
  19. LacusCurtius • Strabo's Geography
  20. Josephus, Flavius, 38?-100?
  21. Justin, Epitome of Pompeius Trogus (1886). pp. 1-90. Preface, Books 1-10 (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kuhrt, Amélie (1995). The Ancient Near East: C. 3000–330 BC. Routledge. ISBN 0-415-16763-9. 
  • "Achæmenid Dynasty". Encyclopædia Iranica (en inglés) I. 1983. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2015. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  • "Cyrus II the Great". Encyclopædia Iranica (en inglés) VI. 1993. Archived from the original on 17 de novembro de 2013. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  • Lendering, J.: "Cyrus"Arquivado 07 de outubro de 2014 en Wayback Machine., en www.livius.org.
  • Liverani, M. (1995): El Antiguo Oriente: Historia, sociedad y economía.
  • Oppenheim, A. L. (1969), tradutor: "Babylonian and Assyrian Historical Texts", en Ancient Near Eastern Texts Relating to the Old Testament, editado por J. B. Pritchard.
  • Rollinger, R. (2004): "The Median “Empire”, the End of Urartu and Cyrus’ the Great Campaign in 547 B.C", en Proceedings of the 1st International Conference on Ancient Cultural Relations Between Iran and West Asia, Tehran 2004, dispoñíbel en liña (pdf).
  • Schmidt, R. (1989): "Cyrus: The name", en Encyclopædia Iranica, dispoñíbel en liña (2001).
  • Shapur Shabizi, A. (1989): "Cyrus I", en Encyclopædia Iranica, dispoñíbel en liña (2001).
  • Tolini, G. (2005): "Quelques éléments concernant la prise de Babylone par Cyrus (octorbe 539 av. J.-C)", en Arta (Achaemenid Research Texts and Archaeology), dispoñíbel en liña (pdf).
  • Yildiz: E. (2001): Los arameos de Arpad, p. 10, dispoñíbel en liña.
  • Waters, M. (2004): "Cyrus and the Achaemenids", en Iran n°41 (Xornal do British Institute of Persian Studies).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Imperio Persa

Segue a:
Cambises I de Anshan
Ciro II
Precede a:
Cambises II
Dinastía Aqueménida