Roger Y. Tsien
Roger Yonchien Tsien (en chinés tradicional 錢永健; en chinés simplificado 钱永健; en pinyin Qián Yǒngjiàn), nado o 1 de febreiro de 1952 en Nova York (Estados Unidos), é un bioquímico estadounidense, de orixe chinesa, profesor no Departamento de Química e Bioquímica da Universidade de San Diego. No ano 2008 foi galardoado co Premio Nobel de Química, polo «seu descubrimento e desenvolvemento da proteína fluorescente verde», xunto ao tamén estadounidense Martin Chalfie, e ao xaponés Osamu Shimomura. O premio, de 10 millóns de coroas suecas (1,4 millóns de dólares ou 1,03 millóns de euros) repartirase entre os tres por partes iguais.[1][2]
Segundo o comunicado de prensa da Real Academia das Ciencias de Suecia en Estocolmo, o profesor Tsien "estendeu a paleta de cores máis aló do verde, o cal permite aos investigadores dar ás proteínas e células diferentes cores, para seguir varios procesos biolóxicos ao mesmo tempo." O propio Tsien declarou, en conferencia telefónica tras a noticia da adxudicación do Premio Nobel de Química 2008, que el non se considera un científico chinés: "Crieime nos Estados Unidos e desde entón pasei a miña vida aquí. Pero, se lles serve ás persoas na China, espero que o premio inspire a estudantes e científicos alá.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Roger Y. Tsien naceu en Nova York, aínda que creceu en Livingston (Nova Jersey). O seu pai era enxeñeiro mecánico, e os seus tíos por parte de nai eran profesores de enxeñería no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). Un dos seus tíos foi o prominente científico chinés Qian Xuesen. Tsien, que se considera a si mesmo enxeñeiro molecular, dixo nunha ocasión: «estou facultado pola miña herdanza para desenvolver este tipo de traballo».[4]
Tsien sufría de asma de pequeno, polo que pasaba gran parte do seu tempo en casa. Así, dedicaba longas horas a experimentos químicos no seu laboratorio do soto. Con dezaseis anos gañou o primeiro premio da Intel Science Talent Search, competición a nivel nacional nos Estados Unidos para estudantes de secundaria, cun proxecto sobre como os metais se unen ao tiocianato.[5]
Estudou na Universidade Harvard, graduándose cun Bachelor of Science en física e química en 1972. Graduouse con summa cum laude. Tras a súa titulación uniuse ao Laboratorio Fisiolóxico da Universidade de Cambridge, Inglaterra, en 1977, e traballou como investigador no Gonville and Caius College ata 1981.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ elpais.com (8 de outubro de 2008). "Nobel de Química para los descubridores de una proteína clave en biomedicina" (en castelán). Consultado o 09/10/2008.
- ↑ "Nobel de Química, a innovadora herramienta para la biología - La Jornada" (en castelán).
- ↑ "Nobel de Química, a innovadora herramienta para la biología - La Jornada" (en castelán).
- ↑ Steele, D. (2004) Cells aglow. HHMI Bulletin, Summer 2004, 22-26
- ↑ The Chemistry of Fluorescent Indicators: the Work of Roger E. Tsien Arquivado 14 de xullo de 2009 en Wayback Machine..(en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina do Instituto Nobel, Premio Nobel de Química 2008 (en inglés)
- Autobiografía na páxina do Instituto Nobel 2008 (en inglés)
- Perfil de Roger Y. Tsien en NNDB (en inglés)
Predecesor: Gerhard Ertl |
Premio Nobel de Química 2008 con Martin Chalfie e Osamu Shimomura |
Sucesor: Venkatraman Ramakrishnan, Thomas A. Steitz e Ada Yonath, |