Marie Curie
Maria Salomea Skłodowska-Curie[A] (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas.[B] Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Así mesmo foi a primeira muller condecorada (xunto co seu home) coa Medalla Davy en 1903 polos seus traballos sobre o radio.[2]
Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.[3] [C] En 2015 outras dúas mulleres tamén foron enterradas no camposanto por méritos propios.[5]
Os seus logros inclúen o desenvolvemento da teoría da radioactividade (un termo que ela acuñou[6][7][8]), as técnicas para illar isótopos radioactivos, e o descubrimento de dous elementos, o polonio e o radio. Baixo a súa dirección, leváronse a cabo os primeiros estudos no mundo no tratamento das neoplasias, utilizando isótopos radioactivos. Fundou os Institutos Curie en París e en Varsovia, que seguen sendo os principais centros de investigación médica na actualidade. Durante a primeira guerra mundial, estableceu os primeiros centros radiolóxicos para uso militar.
Xunto co seu marido Pierre Curie e Henri Becquerel, recibiu en 1903 o Premio Nobel de Física e en 1911 o de Química polos seus traballos sobre o Radio. Posiblemente sexa a científica máis coñecida da historia.
Marie Sklodowska Curie (ela sempre firmou cos dous apelidos)[9][10] foi nacionalizada francesa e foi unha cidadá activamente leal ao seu novo país, pero nunca perdeu o seu sentido de identidade polaco: ensinou ás súas fillas a súa lingua materna e levábaas nas súas visitas a Polonia.[11] O primeiro elemento químico que ela descubriu, en 1898, chamouno polonio como homenaxe ao seu país de orixe.[D][13]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia e primeiros anos
[editar | editar a fonte]Marie Skłodowska naceu o 7 de novembro de 1867 en Varsovia (capital do Reino de Polonia). Era a quinta filla do matrimonio formado por Władysław Skłodowski, profesor de ensinos medios en física e matemáticas do mesmo xeito que o seu avó, e de Bronisława Boguska, quen foi mestra, pianista e cantante.
Marie era a menor de cinco fillos: Zofia (1862), Józef (1863), Bronisława (1865), Helena (1866) e finalmente ela, Marie (1867).
Os seus primeiros anos estiveron marcados pola penosa morte da súa irmá Zofia como consecuencia do tifo e, dous anos máis tarde, a da súa nai por mor dunha tuberculose. Eses eventos fixeron que Marie perdese a fe na relixión católica e se volvese agnóstica.[14]
Cando tiña dez anos, Marie empezou a ir á escola onde a súa nai traballara cando aínda se atopaba ben. Entre os seus intereses destacaba a paixón pola lectura (Marie mostrou a súa afección pola lectura aos catro anos, idade á que xa lía perfectamente), especialmente sobre historia natural e física. Posteriormente asistiu a un gymnasium ou instituto de secundaria feminino, onde se graduou o 12 de xuño de 1883 . Pasou o ano seguinte no campo con parentes do seu pai, e logo, xunto co seu pai, viviu en Varsovia, onde recibiron algunhas clases particulares. Na Secundaria foi sempre a primeira alumna da súa clase, e destacou por influír nas súas compañeiras o entusiasmo polo traballo. Polaco, ruso, alemán e francés eran algunhas das linguas que Marie dominaba. Naquel tempo, a maior parte de Polonia estaba ocupada por Rusia que, tras varias revoltas nacionalistas sufocadas de xeito violento, impuxera a súa lingua e os seus costumes. Xunto coa súa irmá Helena, Marie asistía a clases clandestinas ofrecidas nun pensionado nas que se ensinaba a cultura polaca.[15]
Tanto polo lado paterno como polo materno, a familia perdera os seus bens e fortunas a través das implicacións patrióticas nos levantamentos patrióticos polacos. Este feito condenou a Marie, ás súas irmás e ó seu irmán a unha difícil loita para seguir adiante na vida.[16]
O pacto con Bronisława
[editar | editar a fonte]Marie chegou a un acordo coa súa irmá Bronisława, que consistía en que Marie lle daría axuda económica durante os estudos médicos de Bronisława en París, a cambio dunha axuda similar pero á inversa, dous anos despois.[17] Por este motivo, púxose a traballar como institutriz. En primeiro lugar coa familia dun avogado en Cracovia; despois, durante dous anos en Ciechanów cunha familia dun terratenente, os Zorawski, parentes do seu pai. Mentres traballaba para a familia deste, ela namorouse do seu fillo, Kazimierz Zorawski (un futuro eminente matemático polaco), que este correspondeu. Os seus pais, con todo, rexeitaron a idea de que o seu fillo casase cunha parente pobre, e Kazimierz foi incapaz de opoñerse a eles. Deste xeito Marie perdeu o seu emprego de institutriz.[18] Atopou outro traballo coa familia Fuchs, en Sopot, na costa do mar Báltico, onde pasou o ano seguinte á vez que axudaba economicamente á súa irmá.
A principios de 1890, Bronisława, que uns meses antes casara con Kazimierz Dluski, invitou a Marie a unirse a eles en París. Marie negouse porque non podía pagar a matrícula da universidade e, ademais, seguía esperando poder casar con Kazimierz Zorawski. Volveu a casa do seu pai, con quen permaneceu ata o outono de 1891, tutorizando e estudando na clandestina Uniwersytet Latający (Universidade Flotante), e comezou a súa formación na práctica científica nun laboratorio do Museo da Industria e Agricultura (Muzeum Przemysłu e Rolnictwa) dirixido polo seu primo Józef Boguski, que estivera axudando ao gran químico ruso Dmitri Mendeleiev, en San Petersburgo.[19]
En outubro de 1891, ante a insistencia da súa irmá e logo de recibir unha carta de Zorawski na que lle notificaba que rompía definitivamente a relación con ela, decidiu irse a Francia.[20] A ruptura de Marie con Zorawski foi dolorosa para ambos. Zorawski, pronto obtivo o doutoramento e desenvolveu unha carreira académica como matemático moi brillante, converténdose primeiro en profesor e posteriormente no reitor da Universidade de Cracovia e presidente da Sociedade de Aprendizaxe de Varsovia. Máis tarde, xa de vello, cando era profesor de matemáticas na Politechnika Warszawska (Universidade Politécnica de Varsovia), sentábase de xeito contemplativo ante a estatua de Marie Sklodowska.[21] Marie, unha vez en París, atopou temporalmente refuxio na casa da súa irmá e do seu cuñado antes de alugar uns vellos faiados;[22] alí continuou cos seus estudos de física, química e matemáticas na Sorbona, a gran universidade de París.
Primeiros anos en Francia
[editar | editar a fonte]En 1891 trasladouse a París para continuar os seus estudos inscribíndose na Facultade de Ciencias Matemáticas e Naturais da Universidade da Sorbona. A partir dese momento, Marie pasou a chamarse Marie Sklodowska. Malia ter unha sólida base cultural adquirida de forma autodidacta, Marie tivo que esforzarse para mellorar os seus coñecementos de francés, matemáticas e física, para estar ao nivel dos seus compañeiros. Estudaba durante o día, e facía tutorías pola noite, gañando só o suficiente para vivir
En 1893 consegue a licenciatura de Física e obtén o primeiro posto da súa promoción; pouco despois comezou a traballar nun laboratorio industrial de Lippman. Mentres tanto, continuou estudando na Sorbona, e en 1894 tamén se licencia en Matemáticas, onde é a segunda da súa promoción. Para financiarse os seus estudos de matemáticas, Marie aceptou unha bolsa da Fundación Alexandrowitch, que lle foi outorgada grazas a unha coñecida chamada Jadwiga Dydyńska. O diñeiro da bolsa (600 rublos) foi restituído por Marie máis tarde. En 1894 tamén coñece ao que sería o seu marido, Pierre Curie, que era profesor de física. Marie iniciara a carreira científica en París investigando as propiedades magnéticas de diversos aceiros, e foi o interese mutuo que tiñan Marie e Pierre polo magnetismo o que contribuíu a achegalos.[23] A súa partida o verán seguinte cara a Varsovia só fortaleceu os seus sentimentos mutuos. Marie aínda tiña a esperanza de que podería volver a Polonia e traballar no seu campo de estudo. Non obstante, cando se lle negou un posto na Universidade de Cracovia simplemente porque era unha muller [24] volveu a París. Os dous empezan a traballar xuntos nos laboratorios e ao ano seguinte (1895) Pierre declárase a Marie, casando o 26 de xullo, nunha voda sinxela na que lles regalaron algo de diñeiro. Con este diñeiro compráronse dúas bicicletas e pasaron todo o verán viaxando, con elas, por Francia, hospedándose en fondas e comendo pouco. Posteriormente, os dous físicos apenas saían do seu laboratorio, animados nas súas buscas. As únicas afeccións, compartidas, eran dar longos paseos en bicicleta e as viaxes ao estranxeiro, que os uniron aínda máis. Marie encontrara un novo amor, un socio e colaborador científico do que podería aprender.[24] En 1895, descubriron os raios X e en 1896 descubriron a radioactividade natural. Marie foi animada por Pierre para que realizase a súa tese doutoral baseándose neste último descubrimento.
O seu matrimonio duraría, ata a tráxica morte de Pierre nun accidente a mañá do 19 de abril de 1906, ao ser atropelado por un coche de cabalos nunha rúa de París cando se dirixía ao seu laboratorio, un total de once anos.
O doutoramento
[editar | editar a fonte]Tras unha dobre titulación, o seguinte reto era a obtención do doutoramento. Ata ese momento, a única muller que lograra doutorarse era a alemá Elsa Neumann.[25]
O primeiro paso era a elección do tema da súa tese. Tras analizalo co seu marido, ambos decidiron centrarse nos traballos do físico Henri Becquerel, que descubrira que os sales de uranio transmitían uns raios de natureza descoñecida. Este traballo estaba relacionado co recente descubrimento dos raios X por parte do físico Wilhelm Röntgen. Marie Curie interesouse por estes traballos e, coa axuda do seu esposo, decidiu investigar a natureza das radiacións que producían os sales de uranio. Marie fai a súa tese de doutoramento sobre este último descubrimento.
Dirixida polo propio Becquerel, o 25 de xuño de 1903 Marie defendeu a súa tese doutoral, titulada Investigacións sobre as substancias radioactivas, ante un tribunal presidido polo físico Gabriel Lippmann. Obtivo o doutoramento e a mención cum laude.
A cátedra de Física
[editar | editar a fonte]Trala morte do seu esposo en 1906, Marie obtivo a cátedra de Física na Sorbona que fora outorgada a Pierre en 1904.
O 15 de novembro de 1906 Marie Curie deu a súa primeira lección. A expectación era máxima xa que se trataba da primeira vez que unha muller impartía unha clase na universidade. Alí acudiu un gran número de persoas; moitas delas nin sequera eran estudantes. Naquela primeira sesión, Marie falou sobre a radioactividade.
Estudo da radioactividade
[editar | editar a fonte]Marie Curie e Pierre Curie estudaron as follas radioactivas, en particular o uranio en forma de pechblenda, que tiña a curiosa propiedade de ser máis radioactiva que o uranio que se extraía dela. A explicación lóxica foi supoñer que a pechblenda contiña anacos dalgún elemento moito máis radioactivo que o uranio.
Tamén descobren que o torio podía producir radioactividade. Tras varios anos de traballo constante, a través da concentración de varias clases de pechblenda, illaron dous novos elementos químicos. O primeiro, en 1898, foi nomeado como polonio en referencia ao seu país nativo. Polonia fora particionada no século XVIII entre Rusia, Prusia e Austria, e a esperanza de Skłodowska-Curie foi nomear ao elemento co nome do seu país nativo para atraer a atención cara á perda da súa independencia. O polonio foi o primeiro elemento químico que recibiu o seu nome por razóns políticas.[26] O outro elemento foi chamado Radio (Ra) debido á súa intensa radioactividade. Sempre traballaron durante estes anos nun cuberto e Pierre era o encargado de fornecer todos os medios e obxectos necesarios para que Marie traballase. Pierre tiña tempadas dunha gran fatiga que ata o obrigaban a repousar en cama, ademais de que os dous sufrían queimaduras e chagas producidas polos seus perigosos traballos radioactivos.
Pouco despois Marie obtivo un gramo de cloruro de radio, o cal conseguiu tras manipular case oito toneladas de pechblenda. En 1902 presentan o resultado e invítanos a todas as sedes científicas, e a todas as ceas e reunións sociais, o que os leva á fama. Os científicos mandábanlles cartas e os estadounidenses pedíanlles que desen a coñecer todos os seus descubrimentos. Tanto Pierre como Marie aceptan e prestan todas as súas investigacións sen querer lucrarse diso mediante patentes, un feito que é aplaudido por todo o mundo.
Premios Nobel
[editar | editar a fonte]Xunto con Henri Becquerel e Pierre Curie, Marie foi galardoada co Premio Nobel de Física en 1903, "en recoñecemento polos extraordinarios servizos rendidos nas súas investigacións conxuntas sobre os fenómenos da radiación descubertos por Henri Becquerel"[27] Foi a primeira muller que obtivo tal galardón. Recibiron por el 15.000 dólares, unha parte dos cales utilizaron para facer agasallos ás súas familias e comprar unha bañeira. Pouco despois, en 1904, Pierre consolidouse como profesor titular na Facultade de Ciencias de Sorbona (onde xa ensinaba desde 1900).[28] A fama incomodounos e concentráronse nos seus traballos. No mesmo ano tiveron á súa segunda filla, Ève, tras sufrir Marie un aborto, probablemente producido pola radioactividade.
O 19 de abril de 1906 ocorreu unha traxedia: Pierre foi atropelado por unha carruaxe de seis toneladas, e morreu sen que nada se puidese facer por el. Marie quedou moi afectada, pero quería seguir cos seus traballos e rexeitou unha pensión vitalicia. Ademais asumiu a cátedra do seu marido, e foi a primeira muller en dar clases na universidade nos 650 anos transcorridos desde a súa fundación.
En 1910 demostrou que se podía obter un gramo de radio puro. Ao ano seguinte recibiu en solitario o Premio Nobel de Química «en recoñecemento polos seus servizos no avance da Química polo descubrimento dos elementos radio e polonio, o illamento do radio e o estudo da natureza e compostos deste elemento».[29] Cunha actitude desinteresada, non patentou o proceso de illamento do radio, deixándoo aberto á investigación de toda a comunidade científica.
Marie Curie foi a primeira persoa á que se lle concederon dous Premios Nobel en dous diferentes campos. A outra persoa que o obtivo ata o presente é Linus Pauling (Química e Paz). Dous premios Nobel no mesmo campo obtivérono John Bardeen (Física) e Frederick Sanger (Química). Marie Curie presidiu, por outra banda, o Instituto do Radio e traballou no gran laboratorio Curie. Tempo logo da morte do seu marido, iniciou unha relación de parella co físico Paul Langevin, quen estaba casado, o que xerou un escándalo xornalístico con modos xenófobos.
Etapa final da súa vida
[editar | editar a fonte]Durante a primeira guerra mundial Curie propuxo o uso da radiografía móbil para o tratamento de soldados feridos. O coche levaba o nome de Petit Curie. A súa filla Irène, con 18 anos de idade, empeza a axudala. O gramo de radio dóao á investigación científica; logo tamén doaría outro ao Instituto do Radio de Varsovia. En 1921 visitou os Estados Unidos, onde foi recibida triunfalmente. O motivo da viaxe era recadar fondos para a investigación. Nos seus últimos anos foi asediada por moitos físicos e produtores de cosméticos, que usaron material radioactivo sen precaucións.
Fundou o Instituto Curie en París e en Varsovia.
Morte, e ingreso no Panteón de París
[editar | editar a fonte]Só uns meses máis tarde da súa última visita a Polonia, na primavera de 1934, Curie, logo de quedar cega, morreu, o 4 de xullo de 1934, na Clínica Sancellemoz, preto de Passy (Alta Savoia, Francia), por mor dunha anemia aplástica, probablemente debida ás radiacións ás que estivo exposta nos seus traballos, e cuxos nocivos efectos eran aínda descoñecidos.[30] Foi enterrada xunto ao seu marido no cemiterio de Sceaux, poucos quilómetros ao sur de París.
Sesenta anos despois, o 21 de abril de 1995, os seus restos foron trasladados, xunto cos de Pierre, o Panteón de París.[31] No discurso pronunciado na cerimonia solemne de ingreso, o día anterior,[32] o entón Presidente da República, François Mitterrand, dirixíndose especialmente aos seus netos e bisnetos, destacou que Marie, que fora a primeira muller francesa en ser doutora en Ciencias, en ser profesora na Sorbona, e tamén en recibir un Premio Nobel, o era novamente ao repousar no famoso Panteón de París polos seus propios méritos (no que segue sendo a única ao día de hoxe[33]).
A súa filla máis vella, Irène Joliot-Curie (1897–1956), tamén obtivo o Premio Nobel de Química, en 1935, un ano logo da morte da súa nai, polo seu descubrimento da radioactividade artificial. A segunda e lonxeva filla do matrimonio, (Ève, 1904-2007), xornalista, pianista e activista pola infancia, foi o único membro da familia que non se dedicou á ciencia. Escribiu unha biografía da súa nai, Madame Curie, que se publicou simultaneamente en Francia, Inglaterra, Italia, España, Estados Unidos e outros países en 1937, e foi un best-séller, aínda que nos últimos anos se lle criticou por edulcorala, omitindo detalles importantes como a relación de Marie, xa viúva, cun antigo alumno do seu marido, o casado Paul Langevin, ou os moitos problemas e insultos que Marie tivo que soportar por parte dalgúns importantes círculos científicos franceses, e de certa prensa sensacionalista.
Legado na cultura popular
[editar | editar a fonte]Ademais da biografía escrita pola súa filla Ève en 1937, en 1943 fíxose unha película biográfica a partir dela (Madame Curie) dirixida por Mervyn LeRoy e protagonizada no seu papel feminino pola actriz Greer Garson. En 1997 o director de cine francés Claude Pinoteau estreou outra película, Les palmes de M. Schutz, na que se relata a súa vida desde que coñece ao seu marido ata o descubrimento do radio.[34]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Maria Skł odowska- Curie asinaba de diferentes maneiras: Marie Curie, Madame Curie, Marie Curie- Sklodowska, Marie Sklodowska- Curie, Madame Pierre Curie. No diploma do Nobel de 1903 é nomeada como «Marie Curie», mentres que no de 1911 aparece como « Marie Sklodowska Curie». En Polonia, o apelido de solteira escríbese antes que o do cónxuxe, mentres que en Francia é o contrario. A súa filla Irène, por exemplo, asinaba ao estilo francés: Irène Joliot-Curie, non Irène Curie-Joliot.
- ↑ Aínda que Marie Curie foi a primeira en recibir dous premios Nobel, un deles foi compartido con dous científicos; Linus Pauling é o único (ata o de agora) en recibir dous de maneira individual (un premio Nobel da paz e outro en Química); John Bardeen recibiu dous premios Nobel en Física e Frederick Sanger obtivo dous en Química. Curie segue sendo a única persoa que recibiu dous premios Nobel en distintas áreas científicas.[1]
- ↑ A primeira foi Sophie Berthelot, en 1907, pero só pola súa condición de esposa do soado químico Marcellin Berthelot.[4] Actualmente existen numerosas reivindicacións sobre o dereito doutras notables mulleres francesas a estar alí.
- ↑ Polonia fora dividida no século XVIII entre Rusia, Prusia e Austria, e María Sklodowska Curie tenia a esperanza de que ao nomear o elemento co nome do seu país natal atraería a atención do mundo o que levaria a Polonia á independencia como Estado soberano. Poida que o Polonio sexa o primeiro elemento químico nomeado para poñer de relevo unha cuestión política.[12]
- ↑ "Nobel Laureates Facts" (en inglés). Estocolmo: Nobelstiftelsen. Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2010. Consultado o 27 de maio do 2021.
- ↑ Royal Society (ed.). "Davy archive winners 1989 - 1900". Davy archive winners 1989 - 1900. Consultado o 1 de xullo de 2008.
- ↑ "Marie Curie, una mujer en el Panthéon" (en castelán). Consultado o 23 de decembro do 2017.
- ↑ Lalouette, Jacqueline (decembro de 2007). "Amour et chimie au Panthéon". L’Histoire (en francés). París: Sophia Publications. p. 22. Arquivado dende o orixinal o 10-04-2015. Consultado o 12-04-2020.
- ↑ Chrisafis, Angelique (27 de maio de 2015). "France president François Hollande adds resistance heroines to Panthéon". The Guardian (en inglés). Londres: Guardian Media Group. ISSN 0261-3077. Consultado o 28 de maio de 2015.
- ↑ "The Discovery of Radioactivity". Berkeley Lab. 9 de agosto do 2000. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2015. Consultado o 26 de agosto do 2018.
O término radioactividade foi realmente acuñado por Marie Curie [...].
- ↑ "Marie Curie - Research Breakthroughs (1897-1904)". American Institute of Physics. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2015.
To describe the behavior of uranium and thorium [Curie] invented the word “radioactivity” --based on the Latin word for ray.
- ↑ "Marie Curie and the radioactivity, The 1903 Nobel Prize in Physics". nobelprize.org. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015.
Marie called this radiation radioactivity - "radio" means radiation.
- ↑ Véxase a súa sinatura, "M. Skłodowska Curie", na caixa de información.
- ↑ O Premio Nobel de Química de 1911 foille concedido a "Marie Sklodowska Curie". Véxase: Ficheiro:Marie Skłodowska-Curie's Nobel Prize in Chemistry 1911.jpg.
- ↑ Goldsmith 2005, p. 149.
- ↑ Kabzińska, Krystyna (1998). "Chemiczne i polskie aspekty odkrycia polonu i radu" [Chemical and Polish Aspects of Polonium and Radium Discovery]. Przemysł chemiczny (The Chemical Industry) (en Polish) 77: 104–107.
- ↑ K. Kabzinska. "Chemical and Polish Aspects of Polonium and Radium Discovery".Przemysł chemiczny K tal Mark (The Chemical Industry), 77: 104–7, 1998.
- ↑ Reid, Robert William (1974). Collins, ed. Marie Curie. Londres. ISBN 0-00-211539-5. "Inusualmente a tan pronta idade, ela convértese naquilo para o que T. H. Huxley inventara xustamente o termo: agnóstica."
- ↑ Wojciech A. Wierzewski, "Mazowiecki korzenie Marii" ( "Maria's MazowszeRoots"), p. 16.
- ↑ Wojciech A. Wierzewski. Mazowieckie korzenie Marii ("María's Mazowsze Roots") - 01.txt Gwiazda Polarna Arquivado 07 de setembro de 2014 en Wayback Machine. (A estrela polar), a Polish - American biweekly, núm. 13, 21 de xuño de 2008, páx. 16-17.
- ↑ Marie Curie. Autobiography.
- ↑ Susan Quinn. Marie Curie: A Life.
- ↑ Outro dos profesores de Marie no Museo, Napoleon Milic, fora alumno de Robert Bunsen. Véxase Reid 1974, p. 23-24
- ↑ Eve Curie. Marie Curie.
- ↑ Reid 1974, p. 24
- ↑ Reid 1974, p. 32
- ↑ L. Pearce Williams. "Curie, Pierre and Marie," Encyclopedia Americana, vol. 8, p. 331.
- ↑ 24,0 24,1 Wojciech A. Wierzewski (21 xuño 2008). "Mazowieckie korzenie Marii" [Maria's Mazowsze Roots]. Gwiazda Polarna (en polaco) 100 (13): 16–17. Archived from the original on 21/03/2009. Consultado o 28/02/2015.
- ↑ Vogt, Annette (1999). Elsa Neumann - Berlins erstes Fräulein Doktor (en alemán). Berlín: Verlag für Wissenschaftliche- und Regionalgeschichte Engel. pp. 9, 18, 20. ISBN 3-929134-24-1. OCLC 237352132.
- ↑ K. Kabzinska, "Chemical & Polish Aspects of Polonium & Radium Discovery," Przemysł chemiczny (Industria Química), 77:104–7, 1998. Aspectos políticos do nome polonio.
- ↑ Antoine H. Becquerel. On radioactivity, a new property of matter Arquivado 08 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. Nobel Lecture, 11-12-1903. The Official Web Site of the Nobel Prize.(en inglés)
- ↑ Biografía de Pierre Curie. The Official Web Site of the Nobel Prize (en inglés).
- ↑ Marie Curie. Conference Nobel. En: Les Prix Nobel en 1911. Stockholm, Imprimerie Royale P.A. Norstedt & Söner (1912), con unha nota introdutora. Edición facsímile en Arbor (2011) 187 (Extra 2): 31-46. Tradución o inglés en: Radium and the New Concepts in Chemistry Nobel Lecture. The Official Web Site of the Nobel Prize.
- ↑ Shipman, James; Wilson, Jerry D; Todd, Aaron (2012). An Introduction to Physical Science (en inglés). Boston: Cengage Learning. p. 263. ISBN 978-1-133-10409-4. OCLC 744298470.
- ↑ "Decreto de 8 de marzo de 1995, autorizando el traslado" (en francés). Consultado o 19 de setembro do 2015..
- ↑ "Discours du transfert des cendres de Pierre et Marie Curie au Panthéon" (en francés). Consultado o 23 de maio de 2018.
- ↑ A primeira foi Sophie Berthelot, en 1907, pero só pola súa condición de esposa do soado químico. Existen hoxe en día numerosas reivindicacións sobre o dereito a estar alí doutras notables mulleres francesas, vid. Femmes au Panthéon.
- ↑ IMDb. "Los méritos de Madame Curie" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2011. Consultado o 14 de novembro do 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galicitas posúe citas sobre: Marie Curie |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Marie Curie |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Reid, Robert (1974). Marie Curie. Nova York: New American Library.
- Teresa Kaczorowska. Córka mazowieckich równin, czyli Maria Skłodowska–Curie z Mazowsza (Filla das chairas masovianas: Maria Skłodowska–Curie de Masovia), Ciechanów, 2007.
- L. Pearce Williams. "Curie, Pierre and Marie," Encyclopedia Americana, Danbury, Connecticut, Grolier, Inc., 1986, vol. 8, p. 331–32.
- Barbara Goldsmith. Obsessive Genius: The Inner World of Marie Curie, Nova York, W.W. Norton, 2005, ISBN 0-393-05137-4.
- Naomi Pasachoff. Marie Curie and the Science of Radioactivity, Nova York, Oxford University Press, 1996, ISBN 0-19-509214-7.
- Ève Curie (2001). Da Capo Press, ed. Madame Curie: A Biography, tradución o inglés de Vincent Sheean, (en inglés). ISBN 0-306-81038-7.
- Susan Quinn. Marie Curie: A Life, Nova York, Simon and Schuster, 1995, ISBN 0-671-67542-7.
- Françoise Giroud. Marie Curie: A Life, tradución o inglés de Lydia Davis, Holmes & Meier, 1986, ASIN B000TOOU7Q.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- A ciencia ten nome de muller en Wikibooks.
- Mulleres e Premios Nobel
- Mulleres en Física
- Efecto Matilda
- Moeda de 100 francos Marie Curie
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do Instituto Nobel, Premio Nobel de Química 1911 (en inglés)
- Perfil de Marie Curie en NNDB (en inglés)
- Proxecto Curie (en castelán)
- TED (en inglés)
Predecesor: Hendrik Lorentz Pieter Zeeman |
Premio Nobel de Física 1903 con Pierre Curie e Henri Becquerel |
Sucesor: John William Strutt |
Predecesor: Otto Wallach |
Premio Nobel de Química 1911 |
Sucesor: Victor Grignard Paul Sabatier |