Sisnando Davídiz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Tentúgal, Portugal |
Morte | 25 de agosto de 1091 (Gregoriano) Coímbra, Portugal |
Lugar de sepultura | Túmulo de Sisnando |
Conde de Coímbra | |
27 de decembro de 1064 (Gregoriano) – 25 de agosto de 1091 (Gregoriano) – Martim Moniz de Ribadouro (pt) → | |
Actividade | |
Carreira militar | |
Rango militar | cabaleiro |
Familia | |
Cónxuxe | Loba Nuniz |
Sisnando Davídiz (tamén Davides, Davídez ou Davidiz, e ás veces só David), finado o 25 de agosto de 1091, foi un nobre mozárabe e xefe militar da reconquista, nado en Tentúgal, Coímbra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sobre a vida de Sisnando pódese extraer moita información das detalladas narracións que comezan os diplomas expedidos pola súa chancelaría mozárabe de influencia Abadita en Coímbra, aínda que ultimamente ponse en dúbida a súa autenticidade.
Foi educado en Córdoba por musulmáns. Foi capturado durante unha incursión de Al-Mutádid de Sevilla e posto ao servizo deste último.[1] Para os musulmáns era coñecido como Shishnando.[1] Serviu a Al-Mutádid como administrador e embaixador, pero deixou Sevilla e entrou ao servizo de Fernando I realizando os mesmos labores.[1]
Nos anos seguintes as cidades do reino de Galiza desde Guimarães ata Coímbra foron capturadas aos mouros; Coímbra por consello de Sisnando en 1064[2][3] ou 1069,[1] sendo Sisnando quen dirixiu o cerco e a quen lle foi concedido o condado de Coímbra, rexión ao sur do Douro desde Lamego ata o mar, tomando o título de aluazir (visir) de Coímbra.[2]
En 1065 subiu ao trono galego García II, mais Sisnando non foi un partidario del. O novo rei enfrontouse en 1071 ao alzamento da nobreza portuguesa, derrotando na batalla de Pedroso a Nuno Mendes, conde de Portugal e xenro do propio Sisnando. Este, na súa documentación, obvia sistematicamente o reinado de García II, de xeito que nunha doazón de 1088 chega a afirmar que despois da morte de Fernando, quen lle confiara o goberno de Coímbra, ascendeu ao trono o seu fillo Afonso VI.[4][5]
Após se pór ao servizo de Afonso VI, Sisnando estivo en marzo de 1075 en Oviedo co rei[3] e Rodrigo Díaz de Vivar para a apertura da Arca Santa.[2] Máis tarde ese mesmo mes foi un dos moitos xuíces nun caso entre o bispo de Oviedo e o conde Vela Ovéquiz sobre os bens do mosteiro de San Salvador de Tol, aínda que só el e Rodrigo asinaron a decisión.[2] Máis tarde no mesmo ano Sisnando foi o principal líder da expedición de Afonso contra Sevilla e Granada.[2] Tamén participou na expedición contra Granada en 1080.
Sisnando actuou tres veces (1076, 1080 e 1088) como enviado de Afonso á taifa de Zaragoza,[2] e noutra ocasión a Abd Allah ibn Buluggin, o último rei zirí de Granada.[1] A este último, Sisnando explicoulle que as parias (tributos) que Afonso lle esixiu tiñan a intención de debilitalo como preludio para a reconquista.[1]
Goberno de Toledo
[editar | editar a fonte]Sisnando foi nomeado primeiro gobernador (amil) de Toledo tras a súa caída en 1085 e aplicou a política afonsina de tolerancia cos mozárabes e mudéxares da rexión.[1][2] O seu nomeamento probablemente estivo relacionado coas súas raíces mozárabes.
Sisnando aconsellou a Afonso que mantivese boas relacións con Al-Qádir de Toledo actuando como gobernador e protector da taifa (en lugar de que o señor estranxeiro interferise nos seus asuntos internos), pero cando este consello foi ignorado abriuse o camiño para a conquista almorábide de Toledo que Afonso tratara como un estado tributario; tras ese éxito os almorábides lograron varias conquistas contra os cristiáns.[2]
Pouco tempo despois da conquista de Toledo, Sisnando mantivo malas relacións con Constanza de Borgoña, a segunda esposa de Afonso, e a súa corte francesa, incluíndo Bernardo de Sedirac, o arcebispo electo de Toledo.[2][1] Ibn Bassam rexistrou que Sisnando buscou convencer a Afonso para que salvase a mesquita de Toledo, aínda que non o fixo. Isto é falso, xa que non foi o rei Afonso, senón a raíña Constanza e o novo arcebispo Bernardo quen reconsagraron a mesquita como igrexa cristiá.[2]
Aos seis meses da conquista de Toledo, Sisnando estaba de volta en Coímbra, pero volveu a Toledo para a consagración da nova catedral en decembro.[2] Como Sisnandus Conimbriensis consul (cónsul de Coimbra) a súa sinatura aparece en sétima posición no documento de re-consagración.[2] Foi substituído como gobernador de Toledo por Pedro Ansuriz.[2]
Goberno de Coímbra
[editar | editar a fonte]A razón principal para a re-fundación dun condado ao redor de Coímbra, separado ao norte polo condado portucalense, gobernado por Sisnando, que non tiña nexos ao norte de Iberia, foi debilitar a independencia dos magnates galaico-portugueses e ampliar a administración real leonesa central ata territorios recentemente conquistados.[3] Sisnando aparece por primeira vez gobernando en Coímbra só o 1 de maio de 1070, nun documento que foi orixe de varias sospeitas por parte dos historiadores.[3] É posible que o seu nomeamento coma conde de Coímbra non fose feito por Fernando en 1064 senón que estivo relacionado coa súa primeira aparición na corte de Afonso en 1075.[3] Sisnando construíu ou reconstruíu os castelos de Coimbra, Lousã, Montemor-o-Velho, Penacova e Penela.
Un documento xudicial de 1077, en nome de Pelagio Gunsaluizi, inimigo de Sisnando, refírese a Sisnando como domno de tota Sancta Maria et Colimbria (señor de toda Santa María e Coímbra).[2] Nun documento do 25 de abril de 1085, Sisnando concedeu unha subvención a Pedro, un abade que fuxira recentemente a Galiza desde Al-Andalus. O documento refírese a Sisnando como magnum ducem et consulem fidelem domnum Sisenandum (gran duque e cónsul fiel, señor Sisnando).[2]
Formación da diocese de Coímbra
[editar | editar a fonte]A aparición dun segundo centro eclesiástico en Coímbra parece ser resultado da operación das forzas locais máis que da iniciativa de Sisnando, como suxire un documento interpolado do 13 de abril de 1086.[3] Segundo un diploma de 1086, cando Paterno, bispo mozárabe de Tortosa, chegou a Fernando I en Santiago de Compostela en 1064 nunha misión de Al-Muqtádir de Zaragoza, foi abordado por Sisnando, quen lle ofreceu a sé de Coímbra.[2]
Entre 1076 e 1080, mentres estaba en Zaragoza, Sisnando dise que finalmente convenceu a Paterno para que viñese ao oeste e ocupase a sé de Coímbra.[2] Pero o documento do 1 de marzo de 1088 sobre o que se fai esta afirmación non é de fiar e é falsa a idea de que o rei enviou a Sisnando a Zaragoza só con tal fin de recrutar un bispo.[3] Paterno foi bispo de Coímbra xa o 20 de novembro de 1078.[3] Menciónase por última vez como bispo o 1 de marzo de 1088 e nunca aparece como asinante dun documento real.
Ao parecer, parte da axenda real do Concilio de Husillos de 1088 foi a mellora do control real sobre Coímbra e os seus arredores.[3] O único documento conservado do concilio foi confirmado por un Martín, bispo electo de Coímbra. Máis tarde, nese mesmo ano, un documento privado de Coímbra cítao, aínda que aínda como bispo electo. Pierre David identificouno como prior do capítulo catedralicio de Coimbra e como protexido de Sisnando, quen se opuxo á substitución do rito mozárabe (tamén coñecido como rito visigodo ou hispánico) polo rito romano.[3] Pero se Sisnando o propuxera e Afonso o aceptara é difícil entender por que nunca foi consagrado.[3] Esta escura disputa continuou xa que no ano seguinte (1089) aparece un Xián como bispo e en 1091 un Xoán, probablemente sexan a mesma persoa.[3] Nun documento de 1091 o bispo recibiu permiso para peregrinar á Terra Santa.
Afonso VI parece ter perdido a paciencia co estado dos asuntos diocesanos en Coímbra e conseguiu que se elixise un novo bispo na Pascua de 1091.[3] O novo bispo, Cresconio, era o antigo abade de San Bartolomeu de Rebordáns, esencialmente escollido polo rei. Foi consagrado polo arcebispo de Toledo coa axuda dos bispos de Tui e Ourense.[3] A participación destes últimos, así como acontecementos posteriores, suxiren que Cresconio tamén sería aceptado por Raimundo de Borgoña. Pero a consagración e instalación do candidato real en Coímbra tivo que esperar á morte de Sisnando.[3]
Última campaña e morte
[editar | editar a fonte]O 15 de marzo de 1087 Sisnando ditou un testamento in procinctu con motivo da súa saída para unha campaña con Afonso contra Yusuf ibn Tashfin, o xeneral almorábide.[2] Sisnando morreu o 25 de agosto de 1091, despois de máis de vinte anos de goberno semi-independente en Coímbra.[3] Foi enterrado na Catedral Vella de Coímbra e sucedeuno o seu xenro Martín Moniz de Montemor.[3][2]
O Condado de Coímbra desapareceu como feudo autónomo en 1093, sendo integrado no Segundo Condado de Portugal no momento da súa restauración en 1095 baixo Henrique de Borgoña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Catlos, Brian A. (2004). The Victors and the Vanquished: Christians and Muslims of Catalonia and Aragon, 1050 – 1300. Cambridge Studies in Medieval Life and Thought (Cambridge University Press). ISBN 0-521-82234-3.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 García Gómez, Emilio; Menéndez Pidal, Ramón (1947). "El conde mozárabe Sisnando Davídiz y la política de Alfonso VI con los Taifas". Al-Ándalus 12: 27–41. ISSN 0304-4335.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 Reilly, Bernard F. (1989). "The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI, 1065 – 1109". Princeton University Press.
- ↑ Portela Silva, Ermelindo (2001). García II de Galicia: El rey y el reino (1065-1090) (en castelán). Burgos: La Olmeda. p. 10. ISBN 84-89915-16-4.
Post mortem igitur supradicti regis obtinuit regnum gloriosissimus filius ejus rex domnus Adefonsus qui omnia que mihi suus pater mandaverat confirmavit et coram comitibus et cunctis maioribus sui palacii scriptum privilegium roboravit
- ↑ D’Emilio, James (2015). Culture and Society in Medieval Galicia: A Cultural Crossroads at the Edge of Europe (en inglés). Leiden / Boston: Brill. p. 377. ISBN 978-90-04-26914-9.