Pedro Campos Calvo-Sotelo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de marzo de 1950 (74 anos) Cuntis, España |
Actividade | |
Ocupación | deportista, empresario |
Deporte | vela |
Premios | |
Pedro Campos Calvo-Sotelo, nado en Cuntis o 6 de marzo de 1950, é un regatista galego, o máis laureado de España e un dos máis laureados do mundo. Foi 17 veces campión do mundo e 10 veces campión de España en diferentes modalidades de vela, ademais de conquistar ata en 11 ocasións a Copa do Rei de Vela, sendo o regatista con máis títulos desta competición.[1][2]
Desde 1999 é o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e director deportivo do equipo Team Telefónica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É fillo de Marcial Campos, empresario do mundo dos balnearios, e de Enriqueta Calvo-Sotelo, irmá do que fora presidente do goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo.[3]
Aos tres anos comezou a navegar co seu pai nun galeón pola ría de Arousa,[3] e posteriormente ingresou no Real Club Náutico de Sanxenxo. Adxudicouse o seu primeiro título nacional na clase Snipe en 1968, en categoría xuvenil, e en 1970 proclamouse campión de España de Vaurien, título que conseguiu de novo en 1971, 1972, 1973, 1974, 1976 e 1978.[4] En 1976 sumou tamén ao seu palmarés o campionato de España de 470.
O seu primeiro cetro mundial chegou en Mónaco, onde conquistou xunto a Juan Santana o Mundial de Vaurien en 1976.[5] Tras varias pratas mundiais nos seguintes anos, en 1990 conseguiu de novo un título mundial, esta vez na clase de 3/4 de tonelada. Revalidou o título catro veces nos seguintes catro anos, converténdose no único patrón da historia da vela mundial en logralo, e sumou ademais o título mundial de media tonelada de 1992.[6]
Foi o patrón do primeiro equipo español que participou na Copa Louis Vuitton, na edición de 1992, buscando praza para a Copa América, co equipo Desafío Español do Monte Real Club de Yates de Baiona. Ademais, gañou co Bribón Telefónica Movistar a regata offshore na Admiral’s Cup de 2003, acabando a competición como o mellor español clasificado na historia da competición, cun segundo posto. En 2004 iniciou o proxecto do equipo Movistar para a Volvo Ocean Race 2005-06, repetindo con éxito na edición 2008-09. Foi ademais o patrón do Telefónica Negro nas regatas inshore da competición.
Ademais é o regatista con máis títulos da Copa do Rei de Vela, edición na que participou por primeira vez en 1986, a bordo do Atlántico. A súa primeira vitoria logrouna en 1993, xunto ao rei Xoán Carlos I no Bribón VIII.[2] No ano 2017 proclamouse en Vancouver, xunto a Xoán Carlos, campión do mundo de 6 metros, na modalidade de clásicos, título que revalidaron en 2019 en Hanko, Finlandia.[7][8]
Dende 1999 preside o Real Club Náutico de Sanxenxo.[9]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Durante todo este tempo recibiu numerosos premios e condecoracións, entre os que destacan a Medalla de Prata de Galicia en 1992, a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo (máxima distinción deportiva en España), o Premio Nacional ao Mellor Regatista de 1999, o premio especial da Real Federación Española de Vela de 1999, o Premio Nacional ao Equipo do Ano en 2000 e 2001, o Premio Nacional de Vela como mellor patrón en 2002 e a Orde ao Mérito Olímpico e a Medalla Castelao en 2003.[10]
Persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Begoña Gil de Barroeta primeiro e con Cristina Franze despois, e ten dúas fillas. Mantén unha gran amizade co rei emérito Xoán Carlos de Borbón, xunto o que ten competido en numerosas ocasión.[3][11]
Palmarés internacional
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rivera, Almudena (30 de xullo de 2018). "Pedro Campos, el rey de Copas". Marca (en castelán). Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Pedro Campos, ganador de once Copas del Rey, el gran ausente en Palma" (en castelán). 28 de xullo de 2019. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Así es Pedro Campos, el hombre en el que se ha apoyado don Juan Carlos en los momentos más duros" (en castelán). 21 de setembro de 2018. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "«Teje-Cuero» campeón nacional de «vaurien»". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 1978. p. 38.
- ↑ "Pedro Campos, campeón mundial de vela de la clase "Vaurien"". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de setembro de 1976. p. 36.
- ↑ "Mar tranquila y buen viento en la presentación de Nauta360º". Expansión (en castelán). 28 de marzo de 2011. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "Dos años de esfuerzo llevan al triunfo al rey Juan Carlos y a Pedro Campos". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de setembro de 2017. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "Don Juan Carlos y Pedro Campos firman otro título mundial" (en castelán). 9 de agosto de 2019. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "El regatista Pedro Campos es el nuevo presidente del Club Náutico de Sanxenxo". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 21 de agosto de 1999. p. 46.
- ↑ "DECRETO 167/1995, do 16 de xuño, polo que se concede a Medalla de Castelao no ano 1995." (116). 19 de junio de 1995: 4.596.
- ↑ "Así es Pedro Campos, el íntimo de don Juan Carlos que triunfa en las regatas de Sanxenxo" (en castelán). 19 de xullo de 2021. Consultado o 2 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Palmarés de Pedro Campos(en castelán) Arquivado dende o orixinal.